Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada

17 DE OCTUBRE DE 2022

Nicolás Carrera, Alba Arias e Hugo Rosendo proclamáronse subcampións estatais. Marco Veiga acadou a medalla de bronce elite e os masters da nosa comunidade sumaron dous títulos e un segundo posto

A-Seleccion-de-Galicia-banase-en-prata-no-Campionato-de-Espana-de-Enduro-en-La-Adrada

Foto: Yaiza Fernández Pérez

O Enduro galego ratificou unha vez máis a súa condición de potencia estatal no Campionato de España celebrado este domingo en La Adrada. Sete medallas foi o botín acadado pola 'armada autonómica' que se desprazou ata a provincia de Ávila. A Selección de Galicia acadou tres metais de prata por medio do sub23 Nicolás Carrera, da sub23 Alba Arias e do cadete Hugo Rosendo, unha tripla de segundos postos aos que hai que engadir a terceira posición elite de Marco Veiga (CiclosQuintena) e tres podios masters: os títulos de Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) nos máster-30B e de José Manuel López Vaqueiro (X Bikes) nos máster-40B, e o subcampionato máster-40A de Pedro Dapena (CiclosQuintena). 

Nun dos trazados cualificados como dos máis técnicos do panorama estatal, as riders e os riders percorreron 32 quilómetros cun desnivel positivo acumulado de 1.650 metros repartidos entre catro treitos cronometrados. Os sectores presentaban moitas similitudes, con grandes pendentes e moitas pedras graníticas que recordan a algúns circuítos de Galicia. A estes factores sumouse a sequidade, o que provocou grandes erosións e moito po nas zonas de terra, facendo aínda máis complicada a pilotaxe. O público amoreouse nas zonas máis conflitivas de cada parcial, os puntos onde mellor se apreciaban as diferenzas entre uns e outros participantes. 

A Selección de Breogán acudiu ata La Adrada con dez riders e na categoría Sub23 asinou un dobre podio. Na proba feminina a calidade técnica de Alba Arias, con baixadas moi limpas, deixou coa boca aberta a gran parte dos espectadores. A corredora de Arteixo conseguiu a segunda praza a 1 minuto e 33 segundos da experimentada zamorana Sara Yusto (Lácteas Cobreros), gañadora absoluta do evento. O terceiro chanzo do podio ocupouno Paloma Abad (Comunidade Valenciana).

O grupo de idade Sub23 masculino tiña como defensor do título a Nicolás Carrera. O vigués do combinado dirixido por Esteban Lorenzo, mediuse a grandes rivais, que non llo puxeron nada doado, e as súas sensacións tampouco foron as mellores. Ao último treito chegou coa obriga de remontar para non ceder a coroa e saíu a por todas, pero unha pequena incidencia técnica impediulle sacar tempo. Terceiro na clasificación final, a 28" do gañador, no podio do Campionato correspondeulle o segundo chanzo dado que o rider máis rápido, Álex Iscla, compite con licenza andorrana. A camisola 'rojigualda' recibiuna Adrián Cuellar (Catalunya) e o bronce, Pau Costa (Escapa).

David Fernández, o outro representante da Selección de Galicia, grazas a unha actuación moi consistente e regular obtivo a sexta praza na súa categoría e a 15ª absoluta, cinco postos por detrás de Carrera, o que indica que os sub23 veñen pisando forte. 

Dentro do top-10 scratch remataron outros dous galegos, ambos da categoría Elite. Marco Veiga conquistou a medalla de bronce nunha das edicións máis caras na historia do Campionato de España de Enduro. O naronés do CiclosQuintena, terceiro tamén na clasificación absoluta, quedouse a 10" de Gabriel Torralba (Aragón) e a 20" de Édgar Carballo, o rider máis rápido da xornada. 

Pola súa banda, Mauro González (Selección de Galicia) tivo que conformarse coa sexta praza elite e a oitava absoluta. O propio corredor de Salvaterra admitiu que nesta ocasión os primeiros clasificados eran intocables dado o gran nivel cualitativo que se reuniu en La Adrada. 

Juniors

A sorte non acompañou aos dous juniors que defenderon as cores da Selección de Breogán. Marcos Estévez comezou cun sétimo posto, pero no temido sacacorchos do segundo treito -unha zona moi vertical de curvas entrelazadas con pedras moi esvaradías- sufriu unha caída que lle impediu seguir pedaleando e viuse obrigado a abandonar.

A esas alturas da proba encabezaba a clasificación André Martínez, a gran baza autonómica nesta categoría, despois de protagonizar unha gran baixada no primeiro tramo e tomar unha vantaxe de 4". Porén, unha rotura da cadea no terceiro tramo non lle deixou outra alternativa que descender sen pedalear, perdendo todas as opcións de podio. O último sector xa o afrontou sen cadea e cedeu o mínimo para finalizar no sétimo posto do campionato. 

Masters

Dous títulos dos grupos de idade Máster viñéronse para a nosa comunidade. Santos Lemos triunfou nos 30B avantaxando en 18" ao segundo clasificado e unha vitoria aínda máis incontestable rubricou José Manuel López Vaqueiro nos 40B, con máis de 1' de marxe. Ao podio tamén subiu, neste caso ao segundo chanzo, Pedro Dapena nos máster-40A, unha categoría no que o andaluz Álvaro García (La Herradura) impúxose por 52" de diferenza. 

Outros cinco corredores galegos terminaron entre os dez primeiros das súas clasificacións: Jonatan Álvarez (Monteferro) oitavo nos 30A; Iván Freire (VK Bikes) e Darío Patiño (CiclosQuintena), sétimo e noveno respectivamente nos 40A; e Ricardo Escudero (Poio Bike) e Ernesto Camesella (Monteboi), quinto e noveno nos 50.

Cadetes

O percorrido dos cadetes presentaba un treito menos ao estar excluído o TC-3. Raúl Romero e Hugo Rosendo, dous dos catro representantes de Galicia, situáronse dende o principio na zona alta da táboa, mentres que Uxío Atrio atopaba a dificultade engadida de ter que adiantar a algún rival, o que lle provocou unha caída que o afastou dos primeiros postos, e Arantxa Gómez lograba facer o treito completo sen botar pé ao chan, o cal xa tiña moito mérito. 

O sacacorchos do segundo tramo non o conseguiu pasar con solvencia Uxío Atrio, cedendo uns segundos moi cobizados debido a unha segunda caída sen consecuencias. Peor lle foron as cousas a Raúl Romero, que por mor dunha picada na roda dianteira ao inicio do parcial tivo que baixar andando e despediuse de calquera opción de medalla. Todo o contrario sucedeu con Hugo Rosendo, afianzándose entre os primeiros, e Arantxa Gómez mantiña unha vez máis o seu ritmo aplicando unha estratexia de tratar de evitar caída e erros. 

A cadete da Selección, cuarta na clasificación final, seguiu na mesma liña no último sector e salvou todas as dificultades nun percorrido moi técnico, á par que físico debido a súa lonxitude. O treito definitivo serviu a Uxío Atrio, sexto, e a Raúl Romero, 21º, para ofrecer a súa mellor versión e sacarse a espiña do acontencido no sacacorchos

O desenlace da proba confirmou que era o día de Hugo Rosendo. A súa inspiración e regularidade nas baixadas concedéronlle o subcampionato estatal. Ao pontevedrés separárono 43" do título conquistado por Bruno Jiménez (Comunidad de Madrid) e bateu por 23" ao terceiro clasificado Noa Hirst. Cuarto, e terceiro no Campionato, fixo Ignacio García (Comunidad de Madrid).

 

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
A Selección de Galicia báñase en prata no Campionato de España de Enduro en La Adrada
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es