Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Dous mosqueteiros do Extol dominan no segundo desafío da Copa Galicia XCM

18 DE MAYO DE 2022

Susana Alonso e Javier Busto, os máis fortes no Carballiño

Dous-mosqueteiros-do-Extol-dominan-no-segundo-desafio-da-Copa-Galicia-XCM-

Fotos: Pablo Saa Sports Photography

Dúas semanas despois de arrancar en Piñor, a Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM) volveu ter como escenario os montes da provincia de Ourense. O Club Ciclista Os Mosqueteiros celebrou a décima edición do seu evento para os fondistas do BTT, un desafío de 72,3 quilómetros dominado por dous bikers elite do mesmo equipo. Susana Alonso e Javier Busto, ambos do Extol MTB Team, fixéronse cos triunfos absolutos na liña de meta do Carballiño. 

Os 172 participantes na distancia longa, e os 93 no medio maratón, atopáronse cunha xornada de tempo cambiante. O vento e a chuvia aumentaron a dificultade nalgúns puntos do percorrido. Con Boborás e O Irixo como concellos de paso, en total acumulábanse 1.930 metros de desnivel positivo. Coto Molín, Fonte Moreiras e San Bartolomeu de Freixa eran as principais subidas que presentaba o perfil. 

En solitario, e cun tempo de 3 horas 24 minutos e 45 segundos, o lalinense Busto estreou a súa conta de vitorias na Copa Galicia XCM 2022. O capitán do Extol tivo como principal adversario a Diego Álvarez (Team Oiense), que rematou a 2:10 do vencedor e grazas ao seu segundo posto sitúase á fronte tanto da xeral absoluta como da elite.

A terceira posición no Carballiño correspondeu Daniel García (Xesteiras), novo líder máster-30, tras un axustado man a man co elite Manuel Piñeiro (MTC). Alejandro Trasbach (Xesteiras) pechou o top-5 da carreira gañando nos máster-40, categoría na que Delmiro Acevedo (Burgas Bike) toma o mando do ranking

Vestidos como líderes dos seus grupos de idade venceron o júnior Hugo Álvarez (Academia Postal-Maceda), o sub23 Diego Marnotes (Terras de Cea), o máster-50 Francisco Xavier López (MTC) e o máster-60 Pedro Luis Delgado (BTT Ultreia). 

Alonso repite

A estrutura do Extol asinou un 'dobrete' no domingo previo a exercer de club anfitrión no Campionato de España de Ultramaratón. Susana Alonso revalidou o triunfo acadado o ano pasado na proba dos Mosqueteiros e impúxose cun rexistro de 3:51:36 nos 68,6 km da proba feminina. A superioridade da elite mosense non admitiu ningún tipo de discusión e Ana María González Cuña (Mitto X-Sauce), líder do ranking absoluto da Copa e da categoría máster-40, empregou case 20' máis que a representante do conxunto dezao.

Desirée Fernández (Ribadumia), que concluíu terceira, conserva o seu primeiro posto na xeral elite, mentres que a máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras) obtivo a cuarta praza e a líder máster-30 Silvia Blanco (Avelaíñas), a quinta. 

O calendario da Copa Galicia XCM abriu no Carballiño unha paréntese e o circuíto de maratóns coordinado pola FCG regresará o 21 de agosto en Carral.

 

Clasificacións

Sección da Copa Galicia XCM

GALERÍA DE FOTOS

Dous mosqueteiros do Extol dominan no segundo desafío da Copa Galicia XCM
Dous mosqueteiros do Extol dominan no segundo desafío da Copa Galicia XCM
Dous mosqueteiros do Extol dominan no segundo desafío da Copa Galicia XCM
Dous mosqueteiros do Extol dominan no segundo desafío da Copa Galicia XCM
Dous mosqueteiros do Extol dominan no segundo desafío da Copa Galicia XCM
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es