Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Chega a gran xuntanza do ciclismo feminino: Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas

26 DE AGOSTO DE 2022

A Federación Ciclismo Galego organiza o 2 e o 3 de setembro en Marín unha convivencia con adestramentos, charlas e un coloquio con campioas de varias modalidades

Chega-a-gran-xuntanza-do-ciclismo-feminino-Xornadas-de-Tecnificacion-Mulleres-Ciclistas

O ciclismo feminino ten unha cita ineludible o 2 e o 3 de setembro en Marín. Un total de 60 corredoras infantís, cadetes, juniors e sub23 están convocadas para asistir á 'Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas'. Serán dous días de convivencia, adestramentos, formación e reflexión. 

A Federación Ciclismo Galego dá un novo paso na súa aposta polo pelotón feminino e por primeira vez organiza o que quere que sexa 'o gran cumio' sobre a muller e a bicicleta. Esta actividade, gratuíta para todas as participantes, xorde co dobre obxectivo de aumentar os coñecementos teórico-prácticos e formar vínculos entre as mulleres. As 'Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas' diríxese a corredoras de todas as categorías de base e de varias modalidades e especialidades: Estrada, Ciclocrós, XCO, Enduro e Descenso.

O programa abrirase o venres ás 15:30 horas coa recepción no Colexio San Narciso de Marín, centro neurálxico desta convivencia, onde se aloxarán as ciclistas e se celebrarán as charlas técnicas. A primeira xornada consistirá nun coloquio que contará cun cartel de luxo. Lucía González, campioa de España de Ciclocrós; Alicia González, corredora do Movistar Team; Eva Castro, campioa de España de Descenso e Four Cross; e Irene Trabazo, campioa autonómica de ciclocrós, contarán as súas experiencias como ciclistas de nivel internacional nunha charla moderada por Terio Carrera, presentador da Televisión de Galicia. 

O sábado pola mañá chegará a quenda do adestramentos, con prácticas específicas para cada modalidade. Haberá saídas polo monte para as corredoras de XCO, Enduro e DH, mentres que sobre o asfalto rodarán as ciclistas de Estrada. Á fronte destas sesións estarán Eva Castro e Irene Trabazo.

Pola tarde, despois de compartir xantar, as participantes asistirán a unha dobre actividade formativa. A nutricionista Lucía Vázquez, campioa de España de XCO e Ciclocrós, ofrecerá unha charla ás 17:00 e, a continuación, a psicóloga Blanca Izquierdo exercerá de poñente nunha segunda conferencia. O peche das xornadas está previsto para as 19:30 horas. 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es