Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Carreira Ciclista do Pavo volve este domingo a Ames para celebrar a súa décimo cuarta edición

09 DE DICIEMBRE DE 2021

Gustavo César Veloso participará e será homenaxeado

A-Carreira-Ciclista-do-Pavo-volve-este-domingo-a-Ames-para-celebrar-a-sua-decimo-cuarta-edicion

Está previsto que este domingo, 12 de decembro, a partir das 12:00 horas, se dispute a XIV edición da carreira ciclista do pavo. As persoas participantes terán que dar unhas vinte voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude, se así as condicións meteorolóxicas o permiten. No inicio das voltas 5, 10 e 15, realizarase un sprint especial ao paso por meta, para repartir premios de Nadal entre os/as gañadores/as.

As actividades para a cativada terán lugar antes do arranque da carreira, ás 11:00 horas, cunhas xincanas ciclistas. A organización recorda que as nenas e nenos tamén deben inscribirse seguindo os mesmos pasos que as persoas que queiran participar na carreira sen licenza, para así contar con seguro durante a actividade.

Homenaxe a Gustavo César Veloso

Ao remate da proba, a comunidade do ciclismo galego que se achegue á proba participará nunha homenaxe ao ciclista Gustavo César Veloso, que aos 41 anos pecha a súa carreira como profesional da bicicleta. Do seu palmarés, destacan dúas vitorias na clasificación xeral da Volta a Portugal (2014, 2015), unha da Volta a Cataluña (2008) e unha vitoria de etapa na Volta a España en 2009, co xa desaparecido Xacobeo Galicia.

Os premios da carreira, como é habitual, consisten na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que estes obsequios se entregan ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao só haber unha categoría de competición.

As persoas que xa estean federadas xa poden inscribirse na proba a través da web da Federación Galega de Ciclismo, ou ben esperar ata a xornada de celebración da carreira, ás 11:00 horas, cando poderán facer a súa inscrición de maneira presencial. No caso de non estar federado, cómpre enviar datos persoais ao enderezo electrónico begoalonso@mundo-r.com, antes do 10 de decembro ás 14:00 horas.

De acordo coa normativa da Xunta de Galicia, esíxese o certificado de vacinación con pauta completa ou un test de antíxenos para a participación na proba. Este test debe realizarse cunha antelación máxima á celebración da proba de 72 horas.

Fonte: Concello de Ames

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es