Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Xornada de convivencia e formación para as ciclistas cadetes, juniors e sub23 de estrada

04 DE MARZO DE 2022

O 12 de marzo en Pontevedra

Xornada-de-convivencia-e-formacion-para-as-ciclistas-cadetes-juniors-e-sub23-de-estrada

O novo ciclo de xornadas de convivencia e formación da Federación Ciclismo Galego (FCG) púxose en marcha a mediados de febreiro e ten programada unha nova entrega para o vindeiro sábado 12 de marzo. Desta volta serán as ciclista cadetes, juniors e sub23 de estrada as que participen nunha iniciativa que busca crear vínculos entre as corredoras e efectuar un seguemento das mesmas. A cidade de Pontevedra, que dúas semanas despois acollerá a apertura da Copa de España, será o escenario desta actividade. 

A vintena de convocadas polos técnicos da FCG están citadas ás 9:45 horas no Hotel Avenida. A sesión matinal consistirá nun adestramento no que as ciclistas percorrerán o circuíto do Gran Premio Cidade de Pontevedra 2022, evento inaugural da Copa de España, que se disputará o domingo 27 de marzo. Despois de darlle aos pedais ao redor de 3 horas, as corredoras recuperarán forzas xantando xuntas. 

Pola tarde chegará a quenda das charlas formativas. O ponente principal desta xornada será José Ramón Lillo-Bevia, Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidad de Murcia, que ofrecerá unha conferencia baixo o título "Ciclo menstrual e rendemento". Nas instalacións do Hotel Avenida tamén tomarán a palabra os representantes da FCG para abordar temas técnicos, así como para explicar a metodoloxía de traballo que se aplicará ao longo desta campaña nas concentracións e nas competicións ás que acuda a Selección de Galicia. A convivencia clausurarase ás 18:30 horas. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es