142025
Fotos: Asier Torrado
O calendario da Copa Galicia do Porvir 2025 botou a rodar durante a fin de semana coa primeira xornada da IV Challenge Volta O Barbanza 'A Orixe', competición de dous días para ciclistas da categoría Júnior masculina. Na liña de meta de Rianxo ergueu os brazos un ciclista estremeño. Álvaro Domínguez (Electromercantil GR-100) anotouse o triunfo parcial, vestiuse coa camisola de líder do certame coordinado poloa Federación Ciclismo Galego (FCG) e ao día seguinte, en Ribeira, certificou o seu triunfo na xeral do evento organizado polo Club Ciclista Barbanza.
A primeira etapa, a única da Challenge que repartía puntos para a Copa Galicia, ofreceu un percorrido de 88,9 quilómetros. Nunha xornada chuviosa sucedéronse os ataque sen que ningún movemento conseguise frutificar e a carreira chegou agrupada ás dúas subidas puntuables. No Alto do Bexo distanciábase un grupo de 3 ciclistas con Mario Cordero (Electromercantil), Martim Campos (BlackJack) e José Salgueiro (Picusa).
Esa escapada tampouco conseguiu abrir diferenzas, así que as ramplas da Cruz de Abelán coa súa dureza e o desgaste acumulado ditaron sentenza. Volveu ser un terceto o que se destacou tras o ataque do andaluz Cordero, ao que acompañaron Martín Fernández (MMR) e de novo Salgueiro. Pero volveron unirse todos no descenso e un esprint apertado permitiu a Álvaro Domínguez (Electromercantil GR-100) levantar os brazos por diante do seu compañeiro Cordero e co asturiano Martín Fernández na terceira posición. Unai Fernández (Cortizo), o mellor galego, rematou 19º a 1 minuto e 23 segundos do gañador.
O estremeño Domínguez recibiu no podio o trofeo de gañador, a camisola de primeiro na xeral e tamén a de líder a Copa Galicia do Porvir. A seguinte proba puntuable para a clasificación júnior masculina será o XVIII Premio Ciclista San Isidro-Trofeo Blanco Villar, o 10 de maio en Rois. Antes, o 26 de abril, chegará a primeira cita do certame da FCG para as júniores, as cadetes e os cadetes no XXXVII Promoción de Ciclismo de Boiro
Toda a información sobre a Copa Galicia do Porvir podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
A Challenge Volta O Barbanza 'A Orixe' viviu un vibrante desenlace o domingo en Ribeira. A segunda etapa, de 89,6 km, tivo como gañador en solitario ao israelí Omer Ramon mentres que o seu compañeiro de equipo Rodrigo García completou o dobrete do Picusa Academy. Na clasificación xeral, Álvaro Domínguez (Electromercantil GR-100) mantívose no máis alto e ademais recibiu a camisola como mellor júnior de primeiro ano. Mario Cordero apuntouse a Montaña e as Metas Volantes, Rodrigo García fíxose co maillot de primeiro galego e o MMR Academy triunfou por equipos.
Esta cuarta edición da proba barbanzá estivo financiada pola Mancomunidade Barbanza Arousa e apoiada polos Concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira; a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a FCG.
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es