Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tomás Pombo vence en Padrón e prolonga o idilio do Cortizo coa Clásica de Pascua

222025

O carballés, de 18 anos, logrou a súa primeira vitoria como sub-23 na apertura da Copa Galicia

Tomas-Pombo-vence-en-Padron-e-prolonga-o-idilio-do-Cortizo-coa-Clasica-de-Pascua

Fotos: Cortizo

O Equipo Cortizo volveu triunfar na Clásica de Pascua por cuarto ano consecutivo. Nesta ocasión, o triunfo levou o selo de Tomás Pombo, unha das grandes promesas do ciclismo galego que, con tan só 18 anos, logrou esta mañá a súa primeira vitoria como sub-23.

Pombo, nacido en Carballo, chegou á canteira do Padronés en categoría cadete e foi crecendo e completando etapas deportivas ata dar o salto esta tempada ao primeiro equipo. Hoxe deu un paso máis na súa carreira deportiva, estreando un palmarés ao que seguro que quedan moitas páxinas por escribir.

A 62 Clásica de Pascua-Memorial Francisco Rodríguez Pazos daba o seu pistoletazo de saída ás 10:00 horas cun pelotón de 118 corredores e 17 equipos. Por diante, un percorrido de 154 quilómetros no que se incluía como gran novidade a subida a Cruxeiras, protagonista na pasada edición da Vuelta e tamén nesta ocasión.

imagen

Pouco antes do ecuador da carreira, a primeira fuga do día con Belmonte (Cortizo), Domènech (High Level), Cambareri e Plazas (Lasal Cocinas), García (El Bicho) e Krawiec (Telco OnClima Oses) era neutralizada, polo que o pelotón chegaba reagrupado a Carcacía antes de iniciar o ascenso de Cruxeiras. Alí, Tomás Pombo lanzábase a por a vitoria. “Sentíame ben e tentei poñer ritmo desde abaixo para ver como respondían as miñas pernas e os rivais. A 150 metros de coroar, fun con Joel Díaz do Froiz e conseguimos abrir oco”, explicaba o ciclista do Cortizo antes de subir ao podio.

O dúo de cabeza chegaba á o último porto da xornada, Augasantas, cunha vantaxe próxima ao minuto. Afrontando as súas duras ramplas, con tramos ao 13 %, Pombo impuxo un ritmo máis forte para marcharse en solitario e abandonar a Díaz á súa sorte. O mozo do Equipo Cortizo meteu unha marcha máis e escapouse a máis de 30 segundos. Por detrás, un grupo de favoritos ascendía con rapidez e determinación para perseguir ao líder da carreira. Bilyi (Cortizo) e Crozzolo (Technosylva), corredores destacados na clasificación xeral da Copa de España, foron os máis fortes. Alcanzaron primeiro a Díaz e logo pasárono para completar o podio dunha Clásica de Pascua que coroaba a Tomás Pombo pouco antes das 14:00 horas. “Estou moi feliz e orgulloso de conseguir aquí na casa a miña primeira vitoria na categoría. Non sería posible sen o apoio dos meus compañeiros en carreira, dos directores e de todos os que forman parte do Equipo Cortizo. Sempre tento ter unha mentalidade positiva. Sei que teño pernas, non todos os días podes ser o mellor, pero tento dar o máximo porque sempre se pode presentar unha pequena oportunidade de poder gañar. Oxalá sexa a primeira de moitas. Os últimos 5 quilómetros foron os máis longos da miña carreira, xa non sabía como axustarme encima da bici, pero ao final conseguín o obxectivo”, sentenciaba un Tomás Pombo exhausto polo esforzo realizado.

imagen

O de Carballo, tamén se vestiu a camisola da Montaña e a de líder sub-23 da Copa Galicia, un certame no que Maksym Bilyi, hoxe segundo, sitúase como primeiro líder da xeral elite. O Cortizo completou a súa brillante actuación co triunfo por equipos. Bernardo Cambarelli (Lasal Cociñas) foi o gañador dos Esprints Especiais, mentres que Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) levou as Metas Volantes.

imagen

A segunda cita da Copa Galicia Elite e Sub-23 chegará o 15 de xuño en Moaña coa disputa da IV Domaio Heroica. Toda a informacón sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada25 e na súa sección dentro da páxina web da Federación Ciclismo Galego

Clasificación

Fonte: Cortizo

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es