Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Iago Alonso resolve a fuga na Copa Galicia Máster da Estrada

292025

Gustavo Santiago recupera a camisola de líder máster-30 empatado a puntos con Samuel García

Iago-Alonso-resolve-a-fuga-na-Copa-Galicia-Master-da-Estrada

Fotos: Purociclismo

A Copa Galicia Máster chegará a súa última xornada con dúas clasificacións por decidir. A cuarta e penúltima cita puntuable deixou vistas para sentenza as xerais 50 e 60, pero aínda non hai gañadores matemáticos na táboa dos 40 e moito menos na dos 30, ranking que rexistra un empate no máis alto. A vitoria absoluta o pasado sábado no XI Trofeo Ciclismo Concello de A Estrada foi para o corredor máis forte dun quinteto de escapados. 

O máster-40 Iago Alonso (Chantadino) anotouse a clásica organizada polo Club Ciclista Cidade de Santiago. O percorrido de 81 quilómetros, con saída e chegada na Estrada, levou ao pelotón máster a rodar tamén polas estradas dos concellos pontevedreses de Cuntis, Moraña, Portas, Barros, Meis e Caldas.

imagen

Na liña de meta da rúa Antón Losada Diéguez, o vigués Iago Alonso presentouse cuns segundos de vantaxe respecto aos seus acompañantes na fuga e tivo tempo a festexar erguendo os brazos o seu primeiro triunfo desta temporada na Copa Galicia. O segundo posto foi para o máster-40 Sergio Carreira (Noela) e o podio absoluto completouno outro máster-40, David Burgo (Bicipaixón). O vencedor máster-30 Diego Rama (Cidade de Santiago) rematou na cuarta posición e o grupo de cabeza pechouno Juan José Bodelo (Compostelano).

O esprint pola oitava praza, máis de 1 minuto despois de que finalizaran os primeiros, era importante porque estaba en xogo a camisola de líder máster-30. Pablo Fernández (Cidade de Santiago) impuxo a súa punta de velocidade por diante de Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio) e de Samuel García (Norinver). Todo queda nun pano a falta dunha xornada. Gustavo Santiago recuperou o primeiro posto no ranking igualado a 450 puntos con Samuel García, mentres que Pablo Fernández suma 440. Xunto a eles concluíu o líder máster-40 Saúl Torres (Norinver), que ten a xeral do seu grupo de idade encarrilada ao gozar dun colchón de 110 puntos. 

imagen

As clasificacións da Copa que xa están decididas son as dos máis experimentados despois das vitorias na Estrada dos líderes máster-50 Luis Alberto Paredes (Ciclismo-Tríatlon Poio) e máster-60 Enrique Vázquez (Tambre Bike). 

O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego celebrará a súa última xornada o 8 de xuño en Sigüeiro, coa disputa do VIII Memorial Fernando Abad. Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMáster25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

imagen

Clasificacións

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es