262025
"Levo once temporadas perseguíndoo, entre Cross County e Maratón, e por fin son campión de España absoluto", apuntou Pablo Rodríguez xa vestido coa camisola 'rojigualda' en León. O macedao do Buff Megamo Team atopou este domingo a recompensa a súa perseverancia na MMR Power Race, o evento que repartiu os títulos estatais do 2025. O XCM galego conquistou a coroa elite masculina, dous ouros e dúas pratas nos grupos de idade Máster, e como mellor resultado da Selección de Breogán un quinto posto elite feminino por parte de Lara Lois.
A carreira masculina, de 101 km e 2.100 metros de desnivel positivo acumulado, estivo marcada polo alto ritmo imposto polos grandes favoritos desde os primeiros compases e pola calor. Na parte final da proba destacáronse por encima do resto Pablo Rodríguez e o andaluz Miguel Muñoz, que chegaron ata as últimas curvas disputando o Campionato. Nuns deses xiros Miguel Muñoz (Klimatiza) foise ao chan cando parecía que o título se ía a disputar ao esprint. Pablo Rodríguez puido entrar así en meta en solitario celebrando o seu primeiro título absoluto. Miguel Muñoz entrou na meta a pé coa súa bicicleta na segunda posición, mentres que na terceira praza concluíu o castelán e leonés Francisco Herrero (Flyz).
"Foi unha carreira supernerviosa. O percorrido foi atípico respecto ao que estamos acostumados ultimamente. Si que tiña un desnivel acumulado bastante grande, pero no medio das subidas duras tiña moitas zonas de rodar. Os últimos 15 km dábannos un pouco de medo a todos porque no caso de chegar en solitario serían moi complicados. Chegamos seis ou sete corredores ao último km e quedaba unha subida de 200 metros na que eu o tiña que probar. Sufrín cambras por todos lados nun momento, pero o souben xestionar ben", resumio Pablo Rodríguez.
A Selección de Galicia presentou tres bikers na competición masculina. Brandán Márquez clasificouse 26º nos elites, e na táboa sub-23 Iago Carou ocupou a 19ª praza e Adrián Caamaño, a 28ª.
O combinado da Federación Ciclismo Galego contou con catro fondistas elite na proba feminina. Este cuarteto liderouno a grovense Lara Lois, acadando o quinto posto na súa categoría. Entre as dez mellores tamén remataron Tamara Seijas, oitava, e Mar Delgado, décima. Susana Alonso (Extol-Zambora.es) fixo 11ª e Raquel Román, a cuarta representante da Selección, 13ª. A vencedora absoluta foi a elite andaluza Natalia Fischer (Extremadura Ecopilas).
Os grupos de idade Máster resolvéronse con dous corredores da nosa comunidade levándose os títulos. Manuel Parada (Xesteiras) venceu nos 30B con unicamente 8 segundos de diferenza respecto ao madrileño José Miguel Fernández (Gsport) e outro triunfo moi axustado, neste caso por 3" de marxe, rubricouno Miguel Ángel Arias (Extol-Zambora.es) no seu man a man co castelán e leonés Jose Carlos Álvarez (Ceadea) nos 50A.
A colleita de medallas galegas completouse con dúas pratas máster. Diego Álvarez (Podium Team) finalizou nos 30A a 33" do andaluz Francisco José Peña (Animal Race) e a Francisco Xavier López Cedrón (Milagrosa) separárono 57" do gañador 50B, o madrileño Julián Adrada (X-Sauce).
Máis información e clasificacións
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es