Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia Máster promete emocións fortes este sábado en Ordes

202025

Ás 16:00 horas poranse en xogo catro títulos nun percorrido de 74,6 quilómetros

O-Campionato-de-Galicia-Master-promete-emocions-fortes-este-sabado-en-Ordes

Foto: Concello de Ordes

Chega a gran cita da temporada a nivel autonómico para o pelotón Máster. O Campionato de Galicia de fondo en estrada dispútase este sábado no VI Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes. A proba organizada polo Club Ciclista Cidade de Santiago propón un percorrido de 74,6 quilómetros que garante emocións fortes na pugna polos títulos Máster-30, 40, 50 e 60.

Agárdase un desenlace con diferenzas mínimas, ou incluso un final ao esprint, na carreira que arrancará ás 16:00 horas diante da Casa do Concello de Ordes, mesmo punto no que concluirá. O pelotón formado por 95 participantes dirixirase cara a Cerceda e no km 33,6 fará un primeiro paso pola liña de meta, que será puntuable para a clasificación das Metas Volantes. A segunda parte do percorrido ten como punto quente a Meta Volante da Silva, no km 56, e o remate da proba está previsto no horario máis rápido ás 18:23 h.

imagen

O Campionato de Galicia do pasado ano tamén tivo como escenario a provincia da Coruña. Daquela celebrouse no concello de Oroso e as camisolas da Federación Ciclismo Galego obtivéronas Javier García nos máster-30, Diego Álvarez nos 40, José María Tajes nos 50 e Manuel Prieto nos 60.

Co autonómico en ruta conclúe un intenso último mes e medio de competicións para os ciclistas destes grupos de idade. A principios de maio tivo lugar en Ponteareas o Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual e hai 15 días completábase o calendario da Copa Galicia, que este ano constou de cinco probas.

 Á presentación do evento que este sábado converterá a Ordes na capital do ciclismo galego de Estrada asistiron o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, o concelleiro José Antonio Cabeza, o responsable do evento Juan Bello e a Federación Ciclismo Galego estivo representada polo seu presidente Juan Carlos Muñiz.

Toda a información sobre o Campionato de Galicia Máster de fondo en estrada podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CampionatoMáster25 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es