152022
Fotos: Álvaro García / RFEC
A edición 2022 da Copa de España Elite-Sub23 viviu hoxe a súa última proba en Vigo, que ofreceu un escenario e percorrido tan espectacular como esixente para determinar o nome do novo gañador do circuíto estatal da categoría. Tras superar 180 km, 6 portos de montaña e máis de 4.000 metros de desnivel, Francisco Muñoz, ciclista da Fundación Alberto Contador, certificou en meta a súa vitoria na xeral nunha xornada na que o triunfo foi para o corredor do Gomur Alejandro Franco, que superou cunha potente arrancada a Sergio Chumil (Cortizo) e Cole Davis (Vigo-Rías Baixas) na recta de meta.
O día, que comezou un tanto accidentado froito dunha caída que obrigou a deter a neutralizada, tivo en Samuel Fernández ao seu gran protagonista da primeira metade de carreira. O ciclista do Caja Rural-Alea estivo á fronte durante case 100 quilómetros, pasando na cabeza polas ascensións do Alto da Groba, Monte Alba e O Galiñeiro, onde lle deron caza Samuel Fernández (Gomur) Antonio Barbero (Globalia) e David Delgado (Bicicletas Rodríguez-Estremadura). Este último terminou sendo quen mellores pernas demostrou na subida ao Monte Aloia, marchándose en solitario para facerse coa cabeza de carreira.
Desde o pelotón saltaron Sinuhé Fernández (Lizarte) e Lucas Towers (Priviley), que colleron e superaron a Delgado para situarse á fronte. A eles, sumouse Andrea Pietrobon ( Eolo- Kometa) que logrou enlazar, tras superar o porto da Fonte dos 100 Anos, procedente dun grupo intermedio que se formou entre os dous ciclistas cabeceiros e o pelotón. Pietrobon, Fernández e Towers chegaron unidos á decisiva ascensión final da Madroa, mentres no pelotón sucedíanse os movementos e alternábanse os equipos que trataban de reducir a vantaxe dos tres de cabeza. O bo traballo de Caja Rural-Alea e da escuadra organizadora, do Vigo-Rías Baixas, favoreceu que o grupo de favoritos dese caza en plena ascensión aos fuxidos e se desatara unha preciosa pugna con varios ataques.
Fagúndez (Aluminios Cortizo), Tercero (Eolo- Kometa), Franco (Gomur) e Silva (Priviley) foron algúns dos ciclistas protagonistas deses movementos e quen se estaban mostrando como os máis fortes. Un parón xa dentro do quilómetro final facilitou a entrada de Cole Davis (Vigo-Rías Baixas) e Chumil (Aluminios Cortizo), que se meteron no esprint pola vitoria. O triunfo, grazas a unha potentísima arrancada, foi finalmente para Alejandro Franco que bateu a Chumil e a Davis, que entraron co mesmo tempo que el e completaron o podio.
Na pelexa polo triunfo na xeral, Francisco Muñoz fixo boa a renda de puntos coa que contaba antes de iniciar esta última proba da Copa de España Elite-Sub23 para certificar o seu triunfo final, xa que ningún dos seus rivais directos estivo na pugna pola vitoria en Vigo.
Fonte: RFEC
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es