Desde a Federación Galega de Ciclismo celebramos que Santiago de Compostela sexa a sede do 21º Congreso Ibérico «A Bicicleta e a Cidade», un dos encontros máis significativos da península ibérica arredor da promoción da bicicleta como medio de transporte urbano e ferramenta de transformación social.
Organizado por ConBici, a Federación Portuguesa de Cicloturismo e Usuarios da Bicicleta (FPCUB) e o colectivo local Composcleta, este congreso trae á capital galega máis de 400 participantes e 80 relatoras e relatores. Durante catro días, do 26 ao 29 de xuño, abórdase a mobilidade sustentable con actividades, obradoiros e mesas de debate nunha cidade con gran valor histórico e cultural, recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A elección de Santiago, cidade pequena e con retos reais en materia de mobilidade, reflicte o compromiso por estender o impulso do uso da bicicleta a todos os recunchos do territorio. Esta edición aposta por fomentar solucións reais para cidades con dimensións similares.
Desde a Federación animamos á comunidade ciclista galega e á cidadanía en xeral a participar activamente neste evento. O Congreso Ibérico 2025 será unha oportunidade única para facer de Galicia un referente en mobilidade sustentable e ciclismo urbano.