Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Marco Veiga, intocable na apertura da Copa Galicia de Enduro en Burela

19 DE ABRIL DE 2023

A asturiana Cristina Menéndez encabezou a clasificación scratch feminina

Marco-Veiga-intocable-na-apertura-da-Copa-Galicia-de-Enduro-en-Burela

Foto portada: Chacho Vizoso Jul

O actual líder da Copa de España impuxo a súa lei este domingo na apertura da Copa Galicia de Enduro en Burela. O elite Marco Veiga (Ciclos Quintena) asinou o mellor rexistro scratch nos catro treitos cronometrados que se disputaron no Monte Castelo, onde a sub23 asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike) dominou na competicion feminina. A cita organizada polo club Cerezo Bikes serviu como último ensaio antes de que a vindeira fin de semana se celebre o Campionato de España en Puntallana (Tenerife).

A terceira edición do evento burelao reuniu a uns 120 riders e resultou espectacular tanto polo nivel dos participantes como pola masiva presenza de público, sobre todo, no treito urbano da competición. O percorrido de 25 quilómetros, no que se acumulaban 1.450 metros de desnivel positivo, puxo en xogo as primeiras camisolas de líderes da Copa Galicia 2023, o certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego e que esta temporada consta de tres probas puntuables. 

O naronés Marco Veiga amosouse intocable dende o primeiro dos catro TC. En tres deses parciais a segunda praza obtívoa o sub23 David Fernández (Avanza-O Porriño), que deste xeito acadou o seu primeiro podio absoluto. Os dous primeiros clasificados na táboa scratch remataron separados por 11 segundos. Máis igualado estivo o duelo pola terceira praza cos elites Nicolás Carrera (Coruxo) e Mauro González (Salvaterra) a 23 segundos do gañador, decantándose o pulso a prol do representante da formación viguesa por 530 milésimas. 

A quinta posición correspondeu ao elite Kevin Méndez (Rocasport) e dentro do top-10 concluíron o vencedor máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), sexto na clasificación absoluta, e o primeiro máster-40 José Manuel López Vaqueiro (Cerdedo-Cotobade), oitavo. No resto de categorías da Copa Galicia as camisolas de líderes teñen como primeiros propietarios a Yerai Peláez (Coruxo) nos cadetes, a Hugo-Rosendo (Cerdedo-Cotobade) nos juniors e a Marcos Araújo (MR Bikes) nos máster-50. 

A competición feminina do Enduro Monte Castelo rexistrou un duelo fraticida entre as irmás asturianas Menéndez González. A sub23 Cristina foi a máis rápida en tres treitos e dobregou no tempo final acumulado por 7" á júnior Natalia (Cuetos Bike). A arteixá Alba Arias (Ciclos Quintena) fíxose coa terceira praza e co triunfo elite. 

Ao marxe da Copa Galicia, na proba de e-bikes subiron ao máis alto do podio Daniel Quintana (Las Brañas y el Mar) e Estefanía Cabarcos (Rocasport). 

A próxima xornada do certame autonómico de Enduro chegará o 21 de maio no IV Enduro das Rosquillas ADC Picaraña- Biziebike en Ponteareas. Toda a información sobre esta Copa Galicia podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaEnduro23 e na súa sección dentro desta mesma páxina web

Clasificación

Fotos da noticia: Yaiza Fernández Pérez /Luis Fanego / Chacho Vizoso Jul / Tic-Servizo de Audiovisuais

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Marco Veiga, intocable na apertura da Copa Galicia de Enduro en Burela
Marco Veiga, intocable na apertura da Copa Galicia de Enduro en Burela
Marco Veiga, intocable na apertura da Copa Galicia de Enduro en Burela
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es