27 DE AGOSTO DE 2023
Fotos: Ricardo Lede
Podio completamente internacional no peche da Copa Galicia Elite-Sub23 de Estrada en Moaña. O checo Vojtech Kminek (Padronés-Cortizo) adxudicouse este domingo a Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández tras descolgar ao británico Thomas Lightfoot (Maglia Tecnosylva Bembibre) no inédito e explosivo final do Miradoiro da Fontenla. O duelo polo terceiro posto protagonizárono dous ciclistas guatemaltecos e decantouse a favor de Mardoqueo Vásquez (Vigo-Rías Baixas).
A carreira organizada pola A.D. Punta Fondón exerceu de cuarta e última xornada do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) e repartiu puntos para os rankings estatais da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Superando o centenar de inscritos, os corredores afrontaron un percorrido de 108 quilómetros que consistía en dar tres voltas a un circuíto que incluía o Alto da Fraga, de 2ª categoría, e ao terminar o terceiro bucle tiñan que ascender ao Miradoiro da Fontenla, unha subida de menos de 1 km, pero moi selectiva con ramplas de ata o 16% de desnivel.
Os intentos de fuga sucedéronse desde o arranque, co Padronés-Cortizo e o equipo anfitrión do High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo como as escuadras máis combativas. Ningunha escapada chegou a alcanzar un minuto de vantaxe e dos cinco pasos con puntos en xogo para as clasificacións complementarias, catro dominounos Marc Torres (Padronés Cortizo), gañador final das Metas Volantes e da Montaña. O pleno do ciclista catalán impediuno o gondomareño Ricardo Buba (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo), o máis rápido na primeira Meta Volante situada en Domaio.
Escapada decisiva
Unha vez coroada a terceira e última ascensión ao porto da Fraga, a falta de 30 km para a liña de meta, seis unidades distanciáronse do pelotón e ese movemento camiño do Lago de Castiñeiras resultaría clave. O Padronés-Cortizo contou con tripla representación -Vojtech Kminek, Marc Torres e Sergio Chumil- no corte que tamén colleron Mardoqueo Vásquez, Thomas Lightfoot e Sergio Ginés (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo).
A estrutura coruñesa aproveitou a súa superioridade numérica para lanzar por diante a Kmikek, a quen acompañou Lightfoot. Os dous presentáronse a pé do Miradoiro da Fontenla con marxe suficiente para xogarse a vitoria nun man a man e o vencedor esta campaña da Volta á Comarca Brigantina impuxo a súa potencia. Cun rexistro de 2 horas 49 minutos e 29 segundos, o checo levantou os brazos con 6” de vantaxe respecto ao sub23 da formación leonesa e sucedeu no palmarés da proba ao uruguaio Eric Fagúndez, que tamén gañara coas cores do Padronés-Cortizo.
A 51” do gañador concluíu Vásquez, terceiro, co mesmo tempo que o seu compatriota Chumil. O top-5 completouno Torres, Ginés fixo sexto e a sétima posición ocupouna Martín Rey (Padronés-Cortizo), líder sub23 da Copa Galicia e o máis rápido do pelotón no ‘muro’ de Domaio.
Clausura da Copa
Ademais dos trofeos da carreira, no podio cunha impresionante panorámica da Ría de Vigo entregáronse os premios finais da Copa Galicia, competición que esta temporada constou de catro citas e todas se resolveron con triunfos do Padronés-Cortizo. O asturiano Sinuhé Fernández foi coroado vencedor da xeral elite, título que xa certificara matematicamente na anterior xornada, e o seu compañeiro de equipo Martín Rey, da táboa sub-23.
O ciclista profesional moañés Delio Fernández seguiu de principio a fin como espectador a carreira que apadriña e participou na cerimonia de podio xunto a Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; Rubén Viéitez, concelleiro de Deportes; María Ortega, concelleira de Muller, Memoria Histórica e Patrimonio; Rubén García, presidente da Comunidade de Montes de Domaio; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG.
Toda a informacón sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada23 e na súa sección dentro da nosa páxina web.
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
FEDERACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es