Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Ruta do Albariño destapa este mércores o Trofeo Miño-Galaico júnior

30 DE ABRIL DE 2024

O percorrido de 106 quilómetros, con saída e chegada en Cambados, tamén exerce de segunda proba puntuable para a Copa Galicia do Porvir

A-Ruta-do-Albarino-destapa-este-mercores-o-Trofeo-Mino-Galaico-junior

O pelotón júnior masculino de Galicia e do norte de Portugal tomará este mércores, 1 de maio, as estradas da comarca do Salnés. A Ruta do Albariño - Memorial Modesto Sánchez Alba 'Teto' celebrará a súa undécima edición dende as 10:30 horas e, tendo Cambados como epicentro, ofrecerá un dobre aliciente. A carreira organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) exerce de segunda cita puntuable para a Copa Galicia do Porvir e inaugura o calendario do Trofeo Miño-Galaico.

O certame autonómico arrancou o pasado mes de marzo en Boiro, onde se vestiu como líder o abulense Emilio García (Maguisa Guijuelo). Á loita polos puntos da Copa Galicia do Porvir hai que engadir o primeiro asalto do Trofeo Miño-Galaico. A competición creada este ano pola FCG e a Associação Ciclismo do Minho consta de dúas probas. A segunda disputarase en territorio luso, o 9 de xuño, e será o histórico Circuíto Santo António de Amares, que alcanza a súa 66ª edición. 

Ademais de dous triunfos de prestixio, o Trofeo Miño Galaico pon en xogo a camisola da Xeral, a da Montaña, a das Metas Volantes e o maillot de primeiro ano. O formato desta competición é tipo challenge e contabilizaranse os tempos das dúas carreiras. 

Os catorce equipos que confirmaron a súa presenza na liña de saída de Cambados afrontarán un percorrido de 106 quilómetros. A carreira divídise en dúas partes. A primeira consistirá en tres voltas de 22 km a un circuíto practicamente chairo polas estradas de Cambados e Ribadumia. Haberá Metas Volantes no primeiro e no terceiro paso pola que posteriormente será a liña de meta. O itinerario cambiará nos últimos 40 km, máis selectivos. Os ciclistas terán que ascender o Alto do Busto e dende a pancarta do Premio de Montaña restarán 20 km, nos que se pasará por Meaño, ata o final na Avenida de Galicia. 

imagen

A proba júnior que lembra a figura de Modesto Sánchez Alba 'Teto', referente histórico do ciclismo no Salnés, rexistrou nos últimos ano un claro dominio dos corredores portugueses. Estrelas actuais do pelotón profesional, como João Almeida ou António Morgado, subiron ao máis alto do podio en Cambados. A pasada campaña o conxunto luso do Landeiro asinou unha tripla con Gabriel Baptista, Bruno Lopes e André Andrey. Hai que retroceder ata o 2017 para atopar a un gañador que non chegara dende o país irmán. Daquela vencera o portorriqueño Abner González, corredor esta campaña do Efapel Cycling, conxunto UCI Continental. 

A presentación da XI Ruta do Albariño tivo lugar este luns na casa consistorial de Cambados e contou coa presenza de Noelia Gómez, concelleira de Deportes; Javier Tourís, por parte da Deputación de Pontevedra; Daniel Benavides, representando á Xunta de Galicia; Antonio Casal, do Club Ciclista Cultural Cambados; e Óscar Sánchez, directivo da FCG. 

Toda a información sobre esta carreira pode atoparse nas redes sociais a través dos cancelos #TrofeoMiñoGalaico24 e #CopaGaliciaPorvir24, así como na sección dentro desta páxina web dedicada á Copa Galicia do Porvir 2024.  

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es