Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A portuguesa Raquel Queirós gaña a Comarca Brigantina na Copa de España Féminas Cofidis

29 DE MARZO DE 2025

Alejandra Neira, sexta na carreira júnior, asinou o mellor resultado galego

A-portuguesa-Raquel-Queiros-gana-a-Comarca-Brigantina-na-Copa-de-Espana-Feminas-Cofidis

Fotos: RFEC

A Comarca Brigantina, baixo a organización do Club Ciclista Betanzos, regresou á Copa de España Féminas Cofidis da mellor das maneiras cun bonito espectáculo polas estradas coruñesas, onde na carreira raíña venceu a portuguesa Raquel Queirós e Eukene Larrarte amplía a súa renda á fronte da xeral absoluta ao concluír en segunda posición.

Na categoría Elite e Sub-23, o "Galivier", porto situado a sete quilómetros de meta, foi o xuíz da carreira antes do duro final de 400 metros co que concluía a proba marcada a 73 quilómetros. A pesar dos intentos de escapada, entre eles o de Eva Anguela (Río Miera), o groso do pelotón chegaba ao "Galivier" para romper en pedazos. Sete corredoras tentáronse marchar na cabeza: a líder Eukene Larrarte, Raquel Queirós, Wanda Villanueva, Isabella Bertold, Selam Gerefiel, Emily Dixon e unha moi combativa Maite Urteaga, que pasou en primeira posición o porto, aínda que xa na baixada se foron sumando máis ciclistas. As corredoras chegaron ao último muro en Betanzos con todo por decidir. Larrarte foi a primeira en lanzar o ataque final, pero á súa roda saíron Wanda Villanueva (Río Miera) e Raquel Queirós (Tavira), sendo a campioa de Portugal de XCO quen a pasou na curva final, levándose a vitoria na súa volta á estrada. Eukene Larrarte entraba en segunda posición, aumentando a súa renda na xeral, mentres a ciclista anglo-boliviana Wanda Villanueva chegaba en terceira posición. A británica Emily Dixon, sexta, foi a mellor sub-23.

imagen

No que respecta á categoría Júnior, volveuse a vivir un bonito duelo entre as promesas do ciclismo estatal, onde ademais produciuse un cambio de líder con Leyre Almena, enfudándose a camisola de primeira da xeral en detrimento de Irati Aranguren, que se atopan empatadas a puntos. A carreira decidiuse ao esprint, a pesar de intentos dende lonxe como o da santiaguesa Alejandra Neira, sexta na liña de meta e protagonista do mellor resultado galego da xornada. A valenciana Leyre Almena (Río Miera) foi a máis rápida no muro de Betanzos, por diante de Adriana Vargas (Baix Ter) e de Lidia Castro (Mirat).

imagen

Na categoría Cadete, a vitoria foi tamén para a valenciana Carla Bañuls (Teika-Alé), que foi a máis rápida no muro de Betanzos, por diante de Lluna Jiménez e a líder Maixa Odriozola, que segue conservando a súa camisola. A primeira corredora galega que cruzou a liña de meta, Vega Aldrey (Cambre), fíxoo na décimo sexta posición. 

imagen

Entre as máster, en M30 levou a vitoria a líder, a valenciana Tamara Álvarez (Pafgio). Nas M40, a catalá Úrsula Ospina (Palafolls) volvía alzarse coa vitoria por diante de Berezi Martínez e reforzou o seu liderado na xeran. Nas M50, a madrileña María del Carmen Melgar (Villaverde Bajo) impúxose en Betanzos, con Cristina Bombardo e Inmaculada Valle na segunda e terceira posición.

Nos cortes de cinta protocolarios estiveron presentes Ricardo Cheda, concelleiro de Deportes do Concello de Betanzos; Ángeles Veiga, concelleira de Comercio, Hostelería e Industria; Roberto García, xefe do Servizo de Deportes na Coruña da Xunta de Galicia; Patricia Vázquez, concelleira de Deportes do Concello de Bergondo; Melisa Pagliaro, directora de Márketing e RSC de GADIS; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; Alberto Ballester, presidente do Club Ciclista Betanzos e José Ventosa, membro honorifico do Club Ciclista Betanzos; así como outras autoridades e personalidades do mundo do ciclismo.

Mañá, domingo, quenda para o Gran Premio Cidade de Pontevedra, cuarta cita da competición.

Clasificacións

Fonte: RFEC / El Pelotón

 

 
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es