15 DE OCTUBRE DE 2025
Fotos: RFEC
Tres vitorias, outros catro podios e dúas camisolas de líderes da Copa de España foi o balance do ciclocrós da nosa comunidade no XaxanCX do pasado domingo en Marín. Na súa segunda xornada, o certame estatal celebrou a proba galega do seu calendario, un evento UCI da clase C2 organizado polo club XSM. O circuíto de Chan de Gagán, de 2.600 metros de lonxitude, puxo a proba a preto de 350 participantes que desfrutaron dun día solleiro e remataron cheos de po.
Cuarto a fin de semana anterior na apertura da Copa de España en Gijón, o cadete Pedro Cidrás viviu un día inesquecible. A súa primeira vitoria na categoría conseguiuna na casa. O corredor do XSM impúxose por 12 segundos de vantaxe respecto ao aragonés Marco Latorre (Ecotisa) e terceiro, a 15", rematou Guillermo García (Avanza-O Porriño), que conservou a camisola de líder. Entres os dez primeiros tamén se meteron Mateo Hermida e Aarón Rodríguez, quinto e décimo respectivamente, ambos do Lynalfa-Ponteareas.
A xeral presenta a dous cadetes do noso CX no máis alto. Guillermo García suma 41 puntos e Pedro Cidrás, 39. Marco Latorre, con 28 puntos, ascende ao terceiro posto.
O club anfitrión colleitou outro podio na carreira raíña feminina. María Filgueiras, sétima na clasificación absoluta a 3 minutos e 45 segundos da gañadora en solitario Lucía González (Nesta), fixo terceira entre as sub-23. A representante do XSM e a vasca Nahia Arana (Euskoime) escoltaron no caixón a outra ciclista de Euskadi, a Maier Olano (Donosti). Sarela Conde (Academia Postal-Maceda), undécima absoluta e sétima sub-23, e Tamara Seijas (Supermercados Froiz), duodécima absoluta e quinta elite, foron as outras galegas que completaron as seis voltas.
A proba Elite e Sub-23 masculina resolveuse cun 'dobrete' do Supermercados Froiz. O elite cántabro Gonzalo Inguanzo ergueu os brazos na liña de meta con medio minuto de vantaxe sobre o sub-23 valenciano Raúl Mira. Coas cores do mesmo equipo, o ponteareán Miguel Rodríguez concluíu sexto e terceiro mellor elite. No top-10 entraron os dous grandes protagonistas 24 horas antes na primeira cita da Copa Galicia: Samuel González (Máis Que Bicis), noveno absoluto e quinto elite, e Anxo Carril (Coruxo), décimo absoluto e sexto elite. A destacar a duodécima posición de Raúl Puelles (Supermercados Froiz) e décimo sétima de Nestor Frías (Ribadumia), dous debutantes esta campaña como sub-23.
Outros postos de honra por parte galega asináronos nas carreiras júniores José Manuel Pintos (Lynalfa Ponteareas), sétimo na masculina, e Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas), novena e décima respectivamente na feminina; mentres que na competición cadete feminina Vega Aldrey (Cambre) logrou a quinta posición, Marta Utrera (Armenteira e Punto), a sétima, e Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas), a décima.
En canto aos grupos de idade Máster, en dous rexistráronse triunfos de especialistas da nosa comunidade. Marina González (Illas Cíes) decantou ao seu favor por 10" de diferenza o man a man coa castelaleonesa Felisa Ares (Ciclista Corredor) pola vitoria Máster-40, categoría na que Beatriz Vicente (Podium Team) terminou cuarta. Pola súa banda, o campión continental Marcial Rodríguez (QueBici-Marcisport) dominou de xeito incontestable nos Máster-60 por unha marxe superior ao minuto e medio en relación a Darío Buceta (Farto).
Ao podio tamén subiu Eloy Otero (In Situ), segundo e novo líder da xeral Máster-50. O mellor resultado galego en Máster-30 obtívoo Jonathan Sousa (In Situ), quinto, e nos 40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), sétimo.
A Copa de España fai unha paréntese no seu calendario e regresará o 1 de novembro no circuíto vasco de Amurrio.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
FORMACIÓN
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es