09 DE JUNIO DE 2025
Ensaio con excelentes resultados a falta dun mes para o Campionato de España. A Selección de Galicia de Estrada colleitou éxitos individuais e colectivos durante a fin de semana na V Challenge Cadete Provincia de Salamanca. Lucas Blanco, segundo na xeral final, logrou a vitoria na primeira xornada e o quinteto dirixido polo seleccionador Jacobo Ucha comandou a clasificación por equipos nos dous días de competición.
O combinado autonómico iniciou a súa participación en terras charras o sábado cunha formidable actuación. No percorrido de 59 quilómetros entre as poboacións de Moriscos e Villares de la Reina, acumulou catro primeiros postos. Lucas Blanco bateu a Eneko Ruedas (Caja Rural de Salamanca) no cara a cara pola vitoria despois de ter superado, entre outras dificultades, a subida en sterrato á Ermita do Viso. O terceto perseguidor do dúo de cabeza cruzou a liña de meta 20 segundos máis tarde.
O corredor do Cambre vestiuse de líder da xeral, apuntouse o primeiro posto na Montaña e xunto aos seus compañeiros da Selección de Breogán recolleu o trofeo por equipos logo de superar por 19" ao MMR Academy asturiano. Ademais, Aarón Rodríguez foi o mellor ciclista de primeiro ano na categoría grazas á 11ª posición que obtivo na clasificación absoluta.
A Challenge organizada polo club Promesal resolveuse o domingo nunha dura chegada. Os 45 km entre Las Veguillas e Sequeros terminaban na Ermita del Humilladero, subida con ramplas superiores ao 13% de desnivel. O combinado da Federación Ciclismo Galego repetiu triunfo na táboa por escuadras, pero non puido manter a camisola da xeral individual. Lucas Blanco fixo décimo na etapa a 59" do gañador Aitor Michelena (Gran Canaria Bike), que lle arrebatou o maillot amarelo por 8" e tamén lle impediu adxudicarse a Montaña. Breixo Cochón rematou xunto ao seu compañeiro de Selección e ascendeu ata a décima praza da xeral.
Galicia dominou por equipos nesta ocasión por diante do HyD-Ciudad de Salamanca. O bloque formado por Aarón Rodríguez, Breixo Cochón, Marco Núñez, Héctor Rodríguez e Lucas Blanco avantaxou en máis de 2 minutos ao conxunto local. A seguinte cita para a nosa Selección Cadete será o Campionato de España en Tarazona de la Mancha (Albacete)
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es