14 DE JUNIO DE 2023
Fotos: Noela Master Team
Só unha das catro coroas autonómicas máster que se puxeron en xogo o pasado domingo en Noia cambiou de propietario. O máster-40 Diego Álvarez (MTC), o máster-50 José María Tajes (Norinver) e o máster-60 Manuel Prieto (Norinver) conservaron as súas camisolas de campións de Galicia de fondo en estrada e o título restante conquistouno o máster-30 Pablo Fernández (A Fonte). Ao máis alto do podio tamén subiu o asturiano Pablo Rodríguez (Kaphecc), gañador absoluto ao esprint do II Trofeo Portus Apostoli.
A cita organizada pola Peña Ciclista Noela reuniu na liña de saída a 128 corredores e, tras estrearse o ano pasado como proba da Copa Galicia Máster, esta vez exerceu de Campionato masculino. Os seus 100 quilómetros de percorrido dividíanse en dúas partes. Nos primeiros 60 km realizábanse catro pasos pola liña de meta de Noia e nos restantes afrontábase a volta longa, que incluía a subida ao Alto de Vilacoba en Lousame, único porto de montaña puntuable da xornada.
O ritmo marcado na ascensión que se coroaba a 22 km do final seleccionou o pelotón, pero non impediu un desenlace ao esprint. A volata que se disputou no centro de Noia dominouna o máster-40 Pablo Fernández, gañador cun tempo de 2 horas 22 minutos e 10 segundos, por diante doutros dous ciclistas do seu grupo de idade que tampouco optaban aos títulos de galegos. O tamén asturiano José Ignacio Méndez 'Mesneiro' (Aerodynamics) fixo segundo e o vasco Mikel Núñez (Lasal Cocinas-Louriña), terceiro.
A roda dos tres primeiros resolvéronse dous campionatos autonómicos. Pablo Fernández impuxo a súa punta de velocidade entre os máster-30 para lograr por primeira vez unha coroa máster. O corredor do A Fonte deixou co mel nos beizos a Jaime Rivas, representante do conxunto anfitrión, e Pablo Brandariz (Xesteiras) levouse a medalla de bronce. En canto aos máster-40, Diego Álvarez repetiu o éxito asinado o ano pasado na Estrada e nesta ocasión recibiu a camisola azul e branca da Federación Ciclismo Galego escoltado por Francisco Javier Iglesias (Cidade de Santiago), subcampión, e José Manuel Regueira (Chantadino).
Do mesmo xeito, ao esprint, dirimiuse a vitoria máster-50 na carreira e no Campionato. José María Tajes anotouse ambas ao bater ao asturiano Juan Manuel Toribio (Aerodynamics) e a Carlos Rodríguez (Milagrosa), segundo e terceiro respectivamente. A 2'19" dos tres implicados nesa pugna chegou outro trío do mesmo grupo de idade e a medalla que faltaba por asignar obtívoa Alfonso Fernández (ADO Moure) ante José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) e Severino Mata (Xtrembike). Pola súa banda, Manuel Prieto deulle un segundo título ao Norinver logo de ser o único máster-60 que cruzou a liña de meta. A entrega de premios contou coa presenza do alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire, e da concelleira de Deportes en funcións, Laura Salgado.
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es