Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 29/06/2021 17:16:08

Susana Alonso e Abel Franco son os primeiros Mosqueteiros da Copa Galicia de XCM

O Extol impúxose coa elite mosense e co sub23 verinés no Maratón disputado no Carballiño e en Boborás

O Cross Country Maratón volveu aos montes galegos no Carballiño e en Boborás. A IX edición da proba organizada pola ADC Os Mosqueteiros abriu o pasado domingo a Copa Galicia de XCM, un certame autonómico que non se puido celebrar no 2020 debido á crise sanitaria da COVID. O primeiro desafío da temporada resolveuse nos sendeiros ourensáns con dobre triunfo do Extol MTB Team e con oito bikers recibindo as camisolas de líderes das súas categorías.

O club anfitrión deseñou unha ruta que cativou aos participantes. Os 176 inscritos na distancia longa, de 65 quilómetros, atopáronse un percorrido rápido e entretido. "Pareceume súper bonito", resumiuno Susana Alonso, a gañadora absoluta entre as mulleres. 

A elite mosense do Extol demostrou a súa condición de ser unha das mellores maratonianas do panorama estatal. Dende as primeiras pedaladas marcou un paso que ningunha outra corredora puido seguir. Presentouse na liña de meta do Carballiño cun tempo de 3 horas 33 minutos e 18 segundos. 

"A esta proba chegaba cansada porque viña de correr dous maratóns practicamente seguidos do Open de España. Tiña dúbidas, pero atopeime ben e mantiven un bo ritmo durante toda a carreira. O circuíto tiña baixadas e sendeiros moi rápidos e divertidos. Sentinme moi a gusto e desfruteino moito", sinalou Alonso. 

A segunda clasificada feminina foi Rebeca Muñoz (Ribadumia), gañadora máster-40, e terceira rematou a elite María Martínez (Armenteira e Punto). O triunfo máster-30 quedou na casa grazas ao primeiro posto no seu grupo de idade de Sofía da Silva (Os Mosqueteiros).

Vitoria sub23

O Extol, que viña de acadar cinco podios o domingo anterior no Open de España de Astorga, contaba cun potente bloque para buscar a vitoria masculina e os do Deza souberon aproveitar a súa fortaleza colectiva. O sub23 Abel Franco destacouse en cabeza, mentres o elite Javier Busto rodaba cos perseguidores. Tres representantes deste equipo finalizaron entre os seis primeiros. 

O verinés Franco impúxose cun crono de 2:55:44, avantaxando en 3' a Estefan González (Burgas Bike), que logrou o primeiro posto elite xusto por diante de Busto. A continuación, 23" e 34" máis tarde respectivamente, concluíron o vencedor máster-30 Rubén Deaño (Ourense Termal) e o elite Alberto Alanis (Burgas Bike). Entre os cinco primeiros houbo tres bikers da provincia de Ourense.  

O gañador explicou que "este ano pasei da estrada á montaña e tiña moitas gañas de correr en Galicia. Viña con ritmo das probas do Open de España. Tiñamos varias bazas para xogar e comezamos forte, tratando de romper a carreira dende a saída. A carreira era dura, pero non había terreo para abrir demasiadas diferenzas. Por iso, fumos moi pegados todo o rato. Xa me tiñan falado de que a marcha era moi bonita e o percorrido estaba perfectamente marcado". 

Clasificacións

Sexto, e primeiro máster-40, clasificouse Miguel Arias, outorgándolle outro éxito ao Extol. Ao podio tamén subiron José Ramón Castelo (Barbanzabike), triunfador entre os máster-50, e Carlos Gómez (Ourense Termal), primeiro líder máster-60 da Copa Galicia. Na entrega de premios participaron Diego Fernández, concelleiro de Cultura do Carballiño; Patricia Torres, alcaldesa de Boborás; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. 

 

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es