A segunda proba da Copa Galicia XCM serviu de último test para o Campionato de España que se celebra esta fin de semana na Lalín Bike Race. O Club de Montaña Xesteiras organizou o pasado domingo na localidade pontevedresa de Cuntis a IX Ruta BTT do Lacón, un desafío de 60 quilómetros que dominaron con autoridade o elite Saúl López (Academia Postal-Abanca) nos homes e a elite Susana Alonso (Extol MTB Team) nas mulleres. O elite Javier Busto (Extol MTB Team) é o novo líder da táboa absoluta masculina.
O percorrido, nunha paraxe de natureza salvaxe, presentaba desniveis moi altos e baixadas por sendeiros con certo parecido aos do Enduro. Contabilizábanse infinidade de cruces nos que a sinalización resultou perfecta grazas ao alto número de voluntarios que atenderon moitos puntos perigosos. Un dispositivo que transmitiu unha seguridade extra aos participantes.
Nese escenario, cun desnivel positivo acumulado de 2.000 metros, Saúl López estivo intratable. O monfortino alcanzou a meta cando o reloxo marcaba 3 horas 18 minutos e 10 segundos dende que se dera a saída. Na súa estrea nesta edición da Copa, tras non ter participado a finais de xuño no Maratón Os Mosqueteiros, o polivalente biker do Maceda venceu con 2:32 de vantaxe respecto ao máster-40 Alejandro Trasbach (Xesteiras) e con 3:33 sobre o máster-30 Daniel García (Muros), que cruzou a liña de chegada 10" antes que o máster-40 Miguel Ángel Arias (Extol MTB Team).
A quinta posición, e a segunda entre os elites, decidiuse ao esprint con Javier Busto (Extol MTB Team) batendo a Jorge Punzón. A continuación, 40" máis tarde, rematou o máster-40 Manuel Casuso (Xesteiras). Subliñar a presenza no Top-10, ocupando a oitava praza, do elite Alberto Alanís (Burgas Bike), que o día anterior tamén se clasificou entre os dez primeiros na proba do Open de España de Ultramaraón celebrada en La Robla (León).
Cambio de líder
O cadro de gañadores masculinos completárono o máster-50 José Ramón Villanueva (Armenteira e Punto), o máster-60 Carlos Gómez (Ourense Termal) e o sub23 Abel Franco (Extol MTB). Malia ser o primeiro na súa categoría, o verinés non puido manter o liderado na táboa scratch da Copa, un posto que agora pertence ao seu compañeiro Javier Busto.
O Extol tamén encabeza a clasificación absoluta feminina por medio de Susana Alonso. A elite mosense fixo un adestramento de calidade en Cuntis e impúxose cun rexistro de 4:15:45. A segunda muller, Ana María González (Mitto X-Sauce), levouse a vitoria máster-40 cun tempo de 4:46:58 e terceira tamén foi unha máster-40, Rebeca Muñoz (Ribadumia), que finalizou a Ruta do Lacón en 5:01:45. A primeira praza máster-30 correspondeu a Isabel González (TST).
Despois dos seus dous primeiros eventos, a Copa Galicia XCM ten como líderes por categorías a Abel Franco nos sub23, Susana Alonso e Javier Busto en elites, Sofía Da Silva (Os Mosqueteiros) e Daniel García en máster-30, Rebeca Muñoz e Alejandro Trasbach en máster-40, José Ramón Castelo (Barbanzabike) nos máster-50 e Carlos Gómez nos máster-60. O certame autonómico de Cross Country Maratón regresará o 3 de outubro en Carballo coa XVIII Marcha Costa da Morte.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es