Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 01/02/2022 12:14:12

Rebeca Muñoz e Manuel Parada anótanse a Boiro 3H BTT Non Stop da Copa Galicia Resistencia

Uxío Canosa e Jorge Pérez repetiron triunfo nas parellas masculinas e nesta segunda xornada do certame autonómico Monica Alarcón e Iván Vidal sumaron a súa primeira vitoria nos dúos mixtos

A Copa Galicia Resistencia non ofrece tregua. Por segundo domingo consecutivo o pelotón do novo certame autonómico rozou os 240 bikers, nesta ocasión para disputar a Boiro 3H BTT Non Stop no circuíto do Polígono de Espiñeira. A máster-40 Rebeca Muñoz e o máster-30 Manuel Ángel Parada déronlle o triunfo por partida dobre ao CDM Xesteiras nas clasificacións individuais absolutas. 

Dende que se deu a saída no evento organizado polo Rsbike Boiro, o líder da xeral masculina comandou a proba. Parada, gañador sete días antes en Lousame, impuxo o seu ritmo lucindo a camisola da Copa. O ribeirense de Aguiño rachou a carreira na primeira volta xunto ao seu compañeiro de equipo Iván Pereira e a partir do cuarto xiro rodou en solitario. 

Completando nove voltas ao circuíto en 2 horas 46 minutos e 1 segundo, Parada sumou a súa segunda vitoria na Copa Galicia Resistencia. A 3:11 do vencedor individual rematou o seu compañeiro do Xesteiras, e tamén máster-30, Daniel García, tras superar por 3" nun axustado final a Fernando Díaz (Narón), que se coloca primeiro na xeral máster-40. O conxunto do gañador absoluto exhibiu o seu potencial ao contar con catro representantes entre os cinco primeiros: Pereira e Alejandro Trasbach, ambos máster-40, fixeron cuarto e quinto respectivamente. 

A xornada resultou redonda para o Xesteiras porque o club de Cuntis tamén subiu ao máis alto do caixón na competición absoluta feminina. Rebeca Muñoz decantou ao seu favor un emocionante duelo coa elite Diana Blanco (Bicicletas Chinquena). Ambas deron sete voltas ao circuíto boirense e a nova líder máster foi 27" máis rápida asinando un rexistro de 2:57:34. O terceiro posto correspondeu á elite María Martínez (Armenteira e Punto), que se sitúa á fronte da xeral ao aproveitar a ausencia de Eva Ortega (Extol), gañadora da primeira xornada. 

Nunha entrega de premios que contou coa presenza de José Ramón Romero 'Martiño', alcalde de Boiro, tamén recibiron a medalla de vencedores individuais das súas categorías o júnior Ricardo Liste (Compostelano), o elite David Fernández (Narón), e Juan Manuel Expósito (MTC Team) como primeiro nos máster-50/60. Os tres lideran os rankings dos seus grupos de idade. 

Parellas

A segunda cita da Copa confirmou a Jorge Pérez e Uxío Canosa (Os Esfola Arrós) como a parella masculina de referencia. En Boiro volveron dominar con autoridade, sumando nove voltas en 2:47:00. Santiago Barreiro e Eduardo González (Máster Morrazo) fixéronse coa segunda praza e Martín Lestido e o seu pai Constante (Speedcross), coa terceira. En canto aos dúos mixtos, Mónica Alarcón e Iván Vidal (Louriña) obtiveron o seu primeiro triunfo e no podio estiveron escoltados por Noelia Portela e Noé González (Máster Morrazo), segundos, e por Montserrat Bernárdez e Juan Manuel Gontán (Bicis Oliveira). A parella líder, Sonia Costoya e Javier Baúlde (Corbelo) clasificáronse cuartos. 

O intenso calendario do certame de Resistencia continuará este domingo en Camariñas coa 3H BTT Circuíto da Caramiña.

Clasificaións con tempos por volta

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Rebeca Muñoz e Manuel Parada anótanse a Boiro 3H BTT Non Stop da Copa Galicia Resistencia
Rebeca Muñoz e Manuel Parada anótanse a Boiro 3H BTT Non Stop da Copa Galicia Resistencia
Rebeca Muñoz e Manuel Parada anótanse a Boiro 3H BTT Non Stop da Copa Galicia Resistencia
Rebeca Muñoz e Manuel Parada anótanse a Boiro 3H BTT Non Stop da Copa Galicia Resistencia
Rebeca Muñoz e Manuel Parada anótanse a Boiro 3H BTT Non Stop da Copa Galicia Resistencia

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es