Se se tratara da edición XIII os supersticiosos pensarían que estaba relacionado cun meigallo, pero foi o XII o número que se lle atragantou ao BTT de Maceda-Copa Deputación de Ourense, que malia todo conseguiu saír adiante. Se esta clásica do calendario autonómico de XCO tivo que anularse no 2020 pola pandemia, o pasado sábado viuse afectada por unha forte treboada que obrigou a prescindir de varias zonas do circuíto e retrasou o inicio da segunda manga ao redor de 40 minutos. Despois da tormenta sempre chega a calma esta vez fíxoo acompañada da clase de Lara Lois e Iván Feijoo.
A elite do Extol MTB Team e o sub23 do BH Templo Cafés anotáronse con absoluta autoridade os triunfos absolutos na terceira xornada da Copa Galicia de Cross Country Olímpico. Antes de que un fenómeno meteorolóxico perturbara o evento organizado polo Club Ciclista Maceda-Escola José Antonio Hermida, na primeira quenda clarificáronse tres categorías que chegaban moi igualadas á cita ourensá.
Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) venceu con 7 segundos de vantaxe sobre Tomás Pombo (Cambre), rachando deste xeito o empate que mantiñan ao fronte do ranking cadete. O mesmo aconteceu nos máster-50/60 con Manuel Castro (Barbanzabike) superando ao seu compañeiro de equipo José Ramón Castelo. Liderado e triunfo tamén coincidiron nos máster-40. Alejandro Trasbach (Xesteiras) defendeu o seu posto de privilexio na xeral erguendo os brazos en Maceda con só 5" de marxe respecto a Juan José Chapela (Máster do Morrazo).
Ausencia do líder
Cando se reanudou a actividade despois da tormenta, na grella de saída da carreira raíña masculina non compareceu o líder elite da Copa, e xefe de filas do club anfitrión, Saúl López (Academia Postal). O monfortino sufriu unha caída adestrando no circuíto e a dor nunha perna impediulle defender no seu feudo a camisola de primeiro clasificado na xeral.
A baixa de Saúl López non a desaproveitou Estefan González (Burgas Bike) para situarse ao fronte do ranking Elite grazas ao seu segundo posto, a 2:07 do gañador Iván Feijoo. O sub23 alaricano, nun escenario que coñece como a palma da súa man, tomouno con certa calma ata o ecuador da primeira volta debido ao estado no que quedou o circuíto por mor da treboada. "Na subida escapeime un pouco e xa fun marcando o meu ritmo. Tiven bastantes boas sensacións despois de vir dunha época de exames moi dura", comentou o biker do BH Templo, que se impuxo cun tempo de 1:15:04.
O triunfo de Feijoo non provoca cambio de líder nos sub23, categoría na que continúa primeiro Andrés Valcárcel (Monforte). Sí que varía o propietario do maillot da Copa nas dúas categorías masculinas que nos quedan por repasar. Nos juniors non participou Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Gabriel Conde (Avanza-O Porriño) comanda agora a táboa tras bater ao esprint a Martín González (Academia Postal), mentres que nos máster-30 Rubén Deaño (Ourense Termal) desbancou co seu triunfo a Manuel Ángel Parada (Xesteiras), que esta fin de semana ratificou en Cala Ratjada o seu éxito no Open de España.
Camiño do pleno
As dominadoras femininas da Copa neste 2021 prolongaron as súas xeiras en Maceda. Laura Mira (Avanza-O Porriño) gañou nas juniors, Silvia García (Bici Verde) emulouna nas masters e Lara Lois colleitou o seu terceiro éxito noutras tantas probas que se levan celebrado do certame autonómico.
"A chuvia favoreceu que fose máis fácil de controlar a bici, máis divertido e xoguetón. Ao ter que acurtar o percorrido, as subidas fixéronse bastante curtiñas e fíxose moi levadío. Foi moi divertido e atopeime moi a gusto", valorou a grovense, que no podio elite estivo escoltada por Diana Blanco (Bicicletas Chinquena) e Aida García (Team Farto). Noela Saa (Academia Postal), que debutaba esta temporada, vestiuse coa camisola de líder sub23.
A outra novidade nos rankings feminino protagonizouna Aroa Otero, aínda que todo queda en casa. Ocupou a segunda praza no triplo do Avanza-O Porriño na carreira cadete, por detrás de Uxía Soto, e na xeral adianta a Marta Estévez.
A vindeira cita do XCO autonómico será o vindeiro sábado o Campionato Xunta de Galicia-Xaxanbike en Marín e Copa resolverase o 31 de xullo en Ribadumia.
Galería de fotos de Luz Iglesias
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es