Emoción no VigoBikeContest, primeira cita da Copa Galicia Enduro 2022. Despois de que o sábado máis de cen nenos e nenas desafiaran ao mal tempo no circuíto do Mini DH dentro do parque forestal de Saiáns, a xornada do domingo pechouse con vencedores sorprendentes. Aínda que a vitoria da estrela mundial do enduro Zé Manel Borges (Canyon) era máis que esperada, chamou a atención que o primeiro tramo do enduro non o levara o elite portugués. O mellor tempo foi para o rider local Francisco Vilaboa (Singletrack), que se impoñía por unha escasa décima de segundo ante o luso.
A outra sorpresa foi que o rei do VigoBikeContest dos últimos anos, Nico Carrera (Team Justbikes), non fose quen de por contra as cordas a Borges. Pero o sub23 Carrera fallou nos dous primeiros tramos e deixábase segundos valiosos que non foi capaz de recuperar nos últimos tramos. O vigués tíñase que conformar coa terceira praza da clasificación. Coa segunda praza fíxose o polifacético elite Mauro González Fontán (Salvaterra).
Entre as mulleres, a elite Paola Rey (Coruxo), marcou o mellor rexistro scratch por diante das cadetes Arantxa Gómez (O Rosal), gañadora da súa categoría, e Alexia Santellas (Coruxo). A proba organizada por Singletrack Outdoor Sports completárona 157 riders e tamén vestiu como primeiros líderes da Copa Galicia nos seus grupos de idade ao cadete Rubén Temprano (Komanche), ao júnior André Martínez (Avanza-O Porriño), ao máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), ao máster-40 José Manuel López Vaqueiro (X Bikes) e ao máster-50 Adolfo Galelgo (Singletrack).
O certame autonómico continuará o 27 de marzo en Ponteareas co III Enduro das Rosquillas ADC Picaraña - BizieBike.
Fonte: VigoBikeContest
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es