Unha das primeiras probas que se suspendeu por mor da pandemia no mes de marzo do 2020 foi o Memorial Fernando Abad. Dous anos despois, a proba organizada polo Tambre Bike deu inicio ao calendario da Copa Galicia Máster e a cifra de participantes amosa a expectación que xerou o regreso deste certame autonómico. O pasado domingo reuníronse 165 corredores no concello de Oroso
A quinta edición da homenaxe en memoria de quen foi presidente do Tambre Bike presentou un percorrido de 80 quilómetros. Os ciclistas rodaron a unha media superior aos 40 km/h durante as dúas voltas a un circuíto, con saída e chegada en Oroso, no que tamén se transitou polas estradas dos municipios de Ordes, Trazo e Tordoia.
Houbo desenlace ao esprint na meta de Sigüeiro e un corredor júnior ergueu os brazos por diante dos masters. Ricardo Buba (Bicicletas Sanchis) impuxo a súa punta de velocidade, con dous máster-40 completando o podio absoluto: Francisco Javier Iglesias (Cidade de Santiago) entrou segundo e Miguel Agreda (Lasal Cocinas - Louriña), terceiro.
Nesta chegada masiva rematou como primeiro máster-30 Javier Freire (Huerces) e Manuel Vázquez (Norinver) fíxose coa camisola de líder máster-50. Por equipos venceu o Lasal Cocinas - Louriña, mentres que Buba se anotou as Metas Volantes.
O alcalde do Concello de Oroso, Luis Rey Villaverde, e o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, destacaron “o bo ambiente e a calidade dunha proba que se consolida e serve para homenaxear a unha gran persoa, a Fernando Abad”.
A Copa Galicia continuará o 12 de xuño coa primeira edición do Trofeo Portus Apostoli en Noia e ao pelotón máster agárdalle esta fin de semana unha das citas máis relevantes do ano: a Volta a Lugo.
Sección da Copa Galicia Máster
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es