Completando inscricións, con novidades no percorrido e emoción ata o final o Enduro das Rosquillas ADC Picaraña - Biziebike celebrou este domingo a súa terceira edición. A proba ponteareá exerceu de segunda xornada da Copa Galicia e reuniu a 300 riders, cifra récord a nivel autonómico. O elite Toni Ferreiro (Coruxo) e a sub23 Alba Arias (CiclosQuintena) dominaron as clasificacións absolutas dun evento que resultou tan doce como o seu nome.
Os catro treitos cronometrados para todas as categorías excepto para os cadetes, que afrontaron un menos, caracterízanse por un enorme traballo de preparativos que o club anfitrión vai ano tras ano modelando. Por este motivo, a comunidade de endureiros ten A Picaraña como referente para adestrar e os responsables da proba decidiron establecer un tope máximo de inscritos por límites estructurais de organización.
A loita polo triunfo absoluto masculino foi un cara a cara de principio a fin entre Ferreiro e Francisco Vilaboa. O do Singletrack bateu por menos de 3 segundos ao do Coruxo no primeiro parcial, un sector novo respecto a anteriores edicións. Este treito presenta gran inclinación de curvas peraltadas e saltos, ademais do paso por unha gran lousa que algúns elixidos optaron por saltala completa.
Ferreiro reaccionou e púxose ao fronte da táboa no segundo TC, un clásico da Picaraña. Este tramo longo ten moitos puntos de pedaleo e o físico resulta determinante na súa zona final. Por unha diferenza inferior ao medio segundo, o rider do Coruxo volveu marcar scratch no terceiro, outro sector que se estreou no percorrido. Este parcial destaca pola gran cantidade de saltos, pouco habituais nesta modalidade, e polo seus cortados. Onde se concentrou a maior presenza de público moitos participantes desfrutaron e outros leváronse algún que outro susto.
Emoción ata o final
Vilaboa intentouno ata o último metro. Anotouse por menos dunha décima de vantaxe sobre Ferreiro o derradeiro TC, outro clásico da Picaraña e coñecido como o tramo DH. Intenso e con gran pendente, os riders rematan a súa participación cun sorriso na cara dado que a zona final regala un bosque de curvas e peraltes.
O tempo final de Ferreiro 12:11.556 outorgoulle a vitoria absoluta por 2.617 segundos. Coa terceira praza, a 24" do gañador, fíxose o sub23 Nicolás Carrera (Justbikes). O elite Mauro González (Salvaterra) e o vencedor máster-30 Alejandro Vila (Xtrembike) concluíron cuarto e quinto, respectivamente. No resto de categorías masculinas triunfaron Héctor Quinteiro (Pontebike) nos cadetes, André Martínez (Avanza - O Porriño) nos juniors, José Manuel López Vaqueiro (Xbikes) nos máster-40 e Adolfo Gallego (Singletrack) nos máster-50/60.
Debut triunfal
A táboa absoluta feminina encabezouna unha debutante. A sub23 Alba Arias rubricou un pleno de scratchs e superou por 41" á elite Gemma Chapela (VK Bikes). A terceira praza correspondeu a Yuli Paola Rey (Kamikazes).
"Nunca correra un proba de Enduro e grazas a CiclosQuintena, que me cedeu unha bici, puiden participar nesta carreira e pretendo facer toda a temporada que se vén. Tiven moi boas sensacions", apuntou Arias. O cadro de gañadoras femininas completouno a cadete Arantxa Gómez (O Rosal), primeira na súa categoría por diante de Alexia Santervas (Coruxo).
Tras esta segunda xornada, a Copa Galicia Enduro ten como líderes a Arantxa Gómez e Héctor Quinteiro, en cadetes; a André Martínez nos juniors; a Alba Arias e Nicolás Carrera en sub23; a Yuli Paola Rey e Francisco Vilaboa en elites; a Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) nos máster-30; a José Manuel López Vaqueiro nos máster-40; a Adolfo Gallego nos máster-50/60; e a Yuli Paola Rey e Mauro González nas xerais absolutas.
De entregar os premios no fin de festa do Enduro da Picaraña encargáronse Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes de Ponteareas; Juan Ferro, da ADC Picaraña; Carlos Portas, de Zona de Obra; José Carlos Fernández, de Frutas Carlos; e Óscar F. Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. A Copa desta modalidade continuará o 10 de abril en Budiño (O Porriño).
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es