Cun pelotón de máis de 140 corredores celébrase esta fin de semana a Challenge Volta ao Barbanza e o domingo inaugúrase a Copa Galicia Júnior masculina 2022. O certame autonómico de estrada para ciclistas xuvenís comeza na segunda xornada do evento organizado polo Club Ciclista Barbanza e conta esta campaña con dúas citas máis: Carballo e Betanzos. Tres carreiras para coñecer ao sucesor de Sergio Lorenzo, gañador da xeral o ano pasado e actualmente nas filas do Laboral Kutxa sub23.
A primeira camisola de líder da Copa porase en xogo nun percorrido de 83 quilómetros con inicio e final na Pobra do Caramiñal. Ás 10:30 horas arrancará a segunda proba da Challenge Volta Ao Barbanza, o día despois de que Boiro acolla a saída e a meta dunha etapa de 97 km. Un total de 27 equipos de toda España e Portugal reuniranse na primeira edición deste díptico patrocinado pola Mancomunidade Barbanza Arousa.
Coa presenza de representantes dos catro concellos da comarca (Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira), dos dirixentes do club organizador Ricardo Riveiro e José Ramón Torrado, e de David Carrillo, secretario da Federación Ciclismo Galego, a proba foi presentada onte no Concello de Boiro.
Carballo e Betanzos
O calendario da Copa Galicia Júnior regresará no treito final do verán con outras dúas challenges na provincia da Coruña. O 27 de agosto o Club Ciclista Carballo exercerá un ano máis de anfitrión do pelotón xuvenil e a fin de semana seguinte estrearase da man do Club Ciclista Betanzos o díptico Comarca das Mariñas.
CALENDARIO
10/03 Challenge Volta Ao Barbanza - Barbanza, C.C.
27/08 Challenge Júnior Carballo - Carballo, C.C.
03/09 Challenge Júnior Comarca das Mariñas - Betanzos, C.C.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es