Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 12/04/2022 00:36:38

O Bairrada arrasa no Barbanza con Tavares como primeiro líder da Copa Galicia Júnior

O conxunto portugués adxudicouse as dúas xornadas da Challenge

Habitual dominador nos últimos anos da Ruta do Albariño, o Bairrada portugués arrasou durante a fin de semana na primeira edición da Challenge Volta Ao Barbanza. O conxunto luso adxudicouse a xeral, as dúas etapas e o triunfo na segunda xornada de Gonçalo Tavares converteuno no primeiro líder da Copa Galicia Junior.

Un pelotón de 140 corredores pedaleou durante dous días polas estradas dos catro concellos da comarca (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira). O evento organizado polo Club Ciclista Barbanza estreouse o sábado cunha tirada de 97 quilómetros. O recital do Bairrada no percorrido con inicio e final en Boiro liderouno de xeito estelar Antonio Morgado. Sexto no Mundial júnior do 2021, o gran talento da canteira portuguesa venceu con case 4 minutos de vantaxe respecto a un terceto formado integramente por corredores do seu mesmo equipo. Xunto a eles rodou case ata o final Ricardo Buba (Bicicletas Sanchis), que obtivo a quinta posición sendo o mellor español e galego. 

O domingo púxose en xogo a primeira camisola de líder da Copa Galicia Júnior 2022 na segunda e última etapa da rolda barbanzá. A Pobra do Caramiñal exerceu de punto de saída e de chegada dun trazado de 83 km. Morgado, lucindo o maillot amarelo da Volta, volveu exhibir a súa superioridade, pero nesta ocasión chegou a meta xunto ao seu compañeiro Tavares, gañador da xornada e primeiro líder do certame autonómico cun tempo de 2:05:55. A 38" rematou outro dúo con Unai Martínez (Sanchi-Matrix) batendo no esprint pola terceira praza a Ismael Rodríguez (Corbatas Pindal). O primeiro galego, Sergio Calvo (Vigo-Rías Baixas) entrou no pelotón, correspondéndolle a 19ª posición a máis de 6 minutos do vencedor. 

O calendario da Copa Galicia xuvenil masculina reactivarase o 27 de agosto coa Challenge Júnior Carballo e unha semana despois disputarase outra challenge, a da Comarca das Mariñas.  

Clasificación etapa 1

Clasificación etapa 2

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es