Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 12/04/2022 13:20:29

Mauro González lévase o duelo con Santos Lemos e Nicolás Carrera na Copa Galicia Enduro de Budiño

Gemma Chapela apuntouse a vitoria feminina na terceira xornada do certame autonómico

Rematou o primeiro bloque do calendario da Copa Galicia Enduro cun vibrante duelo a tres bandas na parroquia porriñesa de Budiño. O elite Mauro González (Salvaterra de Miño), o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) e o sub23 Nicolás Carrera (Justbikes-Transition) pugnaron este domingo pola vitoria nos cinco treitos do percorrido deseñado pola A.D. A Forna e o líder da categoría raíña anotouse un triunfo que tamén lle outorga o primeiro posto en solitario na xeral absoluta do certame. Entre as mulleres impúxose a elite Gemma Chapela (VK Bikes). 

A terceira proba da Copa autonómica rozou os 200 participantes. Co paddock ubicado no Centro Cultural A Forna, o III Enduro BTT Faro de Budiño presentou un terreo áspero, rochoso e compactado debido á chuvia caída o venres pola mañá. As condicións atmosféricas, cunha temperatura agradable, respectaron aos bikers e ao público que se congregou para asistir a unha emocionante batalla deportiva. 

Santos Lemos comezou golpeando primeiro no TC1. O máster-30 da Grupeta Pan de Zarko foi o máis rápido, batendo por menos dun segundo a Mauro González e por 3" a Nicolás Carrera. Este sector curto servía como toma de contacto co terreo, con pequenas zona de trialeiras e pequenas costas, e compartía saída co terceiro treito.  

O corredor do Salvaterra, que chegaba empatado a puntos na táboa absoluta co do Justbikes-Transition, tomou o mando en Budiño no segundo parcial. González mellorou en 3" o rexistro de Lemos e en 6" o de Carrera nun TC longo, co mesmo inico que o sector 4, onde nos primeiros metros había grandes cortados e a segunda metade favorecía o pedaleo pola diminución da pendente. 

Tres nunha décima

O terceiro tramo non puido resultar máis igualado. Nun TC moi similar ao primeiro, pero sen pequenas costas e máis parecido a un descenso, marcou scratch Lemos por menos dunha décima sobre Carrera e González, segundo e terceiro respectivamente. O elite resistiu en cabeza e certificou a vitoria asinando os mellores parciais no penúltimo sector, máis físico e longo, e no quinto, característico desta proba polos estreitos pasos entre árbores e os tobogáns da zona final. 

Cun 'crono' global de 15:14.121, o representante do Salvaterra fíxose co triunfo. Lemos quedou a 7" e Carrera, a 17". A cuarta posición ocupouna o gañador máster-40 José Manuel López Vaqueiro (X Bikes) e o top-5 completouno o elite Alejandro Pérez (Tripamp Ourense). No resto de categorías masculinas subiron ao máis alto do podio Iván Romero (A Forna) nos cadetes, André Martínez (Avanza-O Porriño) nos juniors e Adolfo Gallego (Singletrack) nos máster-50/60. Fóra da Copa, Adrián Borjas e Ismael Vila (Bici Verde) venceron por parellas e Javier Fernández (Bicicletas Chinquena) dominou nas E-Bikes.

En canto á competición feminina, Gemma Chapela rubricou un pleno de scratchs e sumou a súa primeira vitoria absoluta da temporada cun tempo de 21:27.544. A 34" da corredora do VK Bikes concluíu a tamén elite Isabel Castro (Condado Bike) e o terceiro posto correspondeulle a Yuli Paola Rey (Kamikazes), que se mantén á fronte das xerais absolutas e elite. A mellor cadete en Budiño foi Arantxa Gómez (O Rosal) por diante de Alexia Santervas (Coruxo). 

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, asisitiu a unha entrega de premios na que as camisolas de líderes da Copa recibíronas Gómez e Romero en cadetes, Martínez nos juniors, Carrera nos sub23, Rey e González en elites, Lemos nos máster-30, López Vaqueiro nos máster-40 e Gallego nos máster-50.

A vindeira cita do Enduro galego será o Campionato autonómico do vindeiro 24 de abril na Serra do Galiñeiro, mentres que a Copa regresará o 2 de outubro no Monte Xiabre coa súa cuarta e penúltima xornada.

Clasificación

Sección da Copa Galicia Enduro

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es