A 59ª edición da Clásica de Pascuilla abre este sábado o calendario 2022 da Copa Galicia de Estrada para corredores Elite-Sub23. Este certame coordinado por la Federación Ciclismo Galego (FCG), que non se celebrou nos dous últimos anos por mor da pandemia, consta doutras dúas carreiras dun día que tamén repartirán puntos para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Na fin de semana do 11 e o 12 de xuño disputaranse o Gran Premio Concello do Porriño e a Domaio Heroica-Gsport.
As primeiras camisolas de líderes poranse en xogo nunha das citas máis históricas do pelotón galego. O Club Ciclista Padronés estrea a temporada Elite-Sub23 na nosa comunidade coa súa tradicional clásica, que homenaxea por 33ª ocasión a Francisco Rodríguez Pazos. A proba comezará ás 14:00 horas e ten prevista a súa chegada a partir das 17:00 horas. O percorrido de 125 quilómetros, con inicio e final en Padrón, tamén transcorrerá polas estradas dos concellos de Rois, Dodro e Rianxo. Os ciclistas terán que subir seis portos de montaña (Beixo, Palleiro, Formarís -tres veces-, e Pereira), e establécense catro Metas Volantes.
As clasificacións xerais deste sábado servirán aos corredores para tomar posicións de cara á gran fin de semana da Copa Galicia, a do 11 e o 12 de xuño. O Gran Premio Concello do Porriño, organizado por segundo ano consecutivo polo club Máster da Louriña, abrirá a dobre cita no sur da provincia de Pontevedra. Ao día seguinte, a Asociación Deportiva Punta Fondón achega unha nova carreira ao ciclismo autonómico e estatal. A Domaio Heroica - Gsport coroará en Moaña aos gañadores do certame Elite-Sub23 da FCG.
CALENDARIO
23/04 Clásica de Pascuilla - Padronés, C.C.
11/06 Gran Premio Concello do Porriño - Máster da Louriña, C.
12/06 Domaio Heroica - Gsport - Punta Fondón, A.D.
Sección da Copa Galicia Elite-Sub23
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es