Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 23/03/2022 17:19:07

Presentación do Gran Premio Cidade de Pontevedra 2022

As estradas pontevedresas vibrarán coas mellores ciclistas da península ibérica este domingo 27 coa celebración da segunda proba da Copa de España Féminas Cofidis

As mellores ciclistas da península ibérica daranse cita nas estradas pontevedresas o vindeiro domingo 27 de marzo coa celebración do Gran Premio Cidade de Pontevedra 2022, que será a segunda proba puntuable para a Copa de España Féminas Cofidis. A competición, organizada pola firma Noko 360 e a Federación Ciclismo Galego en colaboración coa Deputación Provincial, a Xunta e os concellos de Pontevedra e Marín, disputarase nas categorías Cadete, Júnior, Máster, Elite e Sub 23 e contará coa participación de máis de 400 deportistas procedentes de toda a xeografía española e de Portugal.

As participantes deberán completar un atractivo percorrido entre Pontevedra e Marín que contará cunha única cota de montaña que marcará as diferencias: o Alto da Porteliña, de terceira categoría e con pendentes que superan o 12% de desnivel. As carreiras desenvolveranse durante toda a mañá, iniciándose ás 9:00 horas a de categoría Cadete (de 44,2 kilómetros), ás 10:30 horas as de Júnior e Máster (de 65,4 kilómetros) e ás 12:45 horas as Elite e Sub 23 (de 99 kilómetros). Tódolos percorridos terán a súa liña de saída e a súa meta na avenida das Corvaceiras.

O evento foi presentado este martes na Praza de España nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López; os deputados provinciais Gorka Gómez, Victoria Alonso e Ana Laura Iglesias; o director da proba, Serafín Martínez; o secretario da Federación Ciclismo Galego, David Carrillo, e un grupo de ciclistas que competirán neste Gran Premio: Clara Álvarez, do Team Oiense Women; Claudia García, Sabela Rey, Carla Fernández e Sonia Domínguez, do Team Farto – BTC, e Diana Pedrosa e Cristina Torres, do Kiwi Atlántico Louriña.

Tal e como explicou Serafín Martínez, este Gran Premio, co que se pretende “relanzar o ciclismo feminino, que tanta falta lle fai”, é unha das oito probas puntuables da Copa de España “e a segunda que se celebra este ano (a primeira foi a semana pasada no País Vasco)” e contará cun 90% de participantes de fóra de Galicia e de Portugal. O director da carreira indicou que o percorrido será semellante ao da primeira edición, “que gustou moito a corredoras e equipos”, tendo como punto ‘quente’ o Alto da Porteliña, “que marcará as diferencias”. “É unha oportunidade para que as ciclistas galegas poidan competir -afirmou- e comparar o seu nivel con respecto ás ciclistas nacionais”.

Homenaxe a Magín Froiz

Martínez avanzou ademais que, na saída da proba, faráselle unha homenaxe coa presenza dos seus tres fillos ao recentemente falecido Magín Froiz, “que foi unha persoa clave para o ciclismo galego e que o merece todo por parte do deporte pontevedrés e galego”.

Fonte: Noko 360

GALERÍA DE FOTOS

Presentación do Gran Premio Cidade de Pontevedra 2022

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es