Por segunda temporada consecutiva a Copa de España de Féminas Cofidis 2022 fixo parada en Pontevedra. Cun ambiente excepcional e unha temperatura primaveral, a cidade do Lérez acolleu este domingo tres carreiras e nunha delas brillaron as ciclistas galegas. María Filgueiras (Río Miera), segunda, encabezou a gran actuación das cadetes autonómicas.
Nun percorrido de 44,2 quilómetros, co Alto da Porteliña como única dificultade montañosa, a navarra Paula Ostiz impúxose en solitario con 1:23 de vantaxe respecto a Filgueiras. A betanceira cruzou a liña de meta con 8 segundos de marxe sobre un terceto no que a pontevedresa Lorena Patiño (Compostelano) pugnou pola terceira praza do podio, pero entrou cuarta, por detrás de Leyre Almena (Hyunday Koryo) e por diante de Esmeralda Racionero (Sanse).
O pelotón chegou 25" despois coa coruñesa Lara Fuentes (Cambre) meténdose ao esprint e obtendo a sétima posición. A gañadora da Copa Galicia da pasada campaña asinou o terceiro resultado das corredoras autonómicas dentro do top-10.
Juniors e masters
A carreira júnior estivo marcada pola longa escapada protagonizada por Lukene Trujillano. A ciclista do Arabarrak camiñou en solitario desde os primeiros quilómetros, chegando a acumular unha vantaxe próxima aos dous minutos con respecto ao pelotón; un gran grupo que, con todo, dáballe caza na subida ao Alto da Porteliña, que ademais provocaba un corte na cabeza de oito ciclistas que se xogarían a vitoria. Na chegada reducida ao sprint, Laia Bosch (Ataraxia) mostrábase como a máis forte para vencer por diante de Eneritz Vadillo (Seguros Bilbao- Miribilla) e Carolina Leonardo (Río Miera–Meruelo–Cantabria). Sonia Domínguez (Team Farto), duodécima a 2:01, foi a mellor galega. Deste xeito, Eneritz Vadillo vístese como nova líder do circuíto estatal ante a ausencia na cita de Lucía García, sexta na Gent-Wevelgem coa selección española.
Nas categorías máster, as victorias foron para Rocío Martín nas máster-30, que chegou co grupo cabeceiro de juniors; para Carolyn Gaskell nas máster-40, con Cristina Molina (Norinver), Paula Blanco (Monte Xalo) e Rocío Rey (Lasal Cocinas - Louriña) facendo cuarta, quinta e sexta, respectivamente; e para Raquel Montañés nas máster-50.
Elite-Sub23
A carreira elite, encargada de pechar a xornada, deparaba desde os primeiros compases un bonito espectáculo debido ao forte ritmo imposto nos quilómetros iniciais. Un ritmo que non permitía escapadas e que ía desgastando un pelotón do que se desprendían unidades aos poucos. Probárono, entre outras, Irene Méndez (Bizkaia-Durango), moi activa toda a xornada, Lixa Laizane (Eneicat-RBH), Mireia Trías (Massi-Tactic) e Carolina Esteban (Río Miera-Cantabria), pero sen sorte, sendo cazadas escasos quilómetros despois.
A primeira subida ao Alto da Porteliña xa perfilou a carreira e deixou un corte cabeceiro de 18 unidades no que viaxaba Nadine Gill (Sopela), líder da competición. A que non logrou entrar nese grupo foi a líder sub23, Catalina Soto (Bizkaia-Durango), que trataba de volver enlazar cun bo traballo do seu equipo. O corte de 18 ciclistas volvería romper no segundo paso por Porteliña, onde Gill apertaba e seleccionaba o corte ata deixalo con só tres ciclistas, sendo esta acompañada polo seu compatriota alemá Ricarda Bauerfeind (Canyon-Sram) e a navarra Idoia Eraso (Bizkaia-Durango).
As tres, xa cunha marxe en torno ao minuto respecto ás perseguidoras, entendéronse á perfección para camiñar xuntas ata a meta, abocando o final a un bonito esprint no que Bauerfeind resarcíase do seu segundo posto en Beasain, impoñéndose por diante de Gill e Eraso. A mellor galega, María Jesús Barros (Team Oiense), clasificouse 26ª a 2:07. Deste xeito, Gill retén a camisola de líder e Eraso vístese co de mellor sub23.
A próxima semana a Copa de España volve coa disputa en Noja (Cantabria) da súa terceira cita.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es