A Copa Galicia de Cross Country Olímpico regresou o sábado despois de dúas fins de semana de descanso. O circuíto lucense de Outeiro de Rei, que o domingo acolleu a segunda edición do seu Mini BTT, estreouse no calendario do certame autonómico de XCO con vitorias nas categorías raíñas de Eva Ortega (Extol) e do líder invicto masculino Saúl López (Academia Postal-Maceda). A quinta proba da temporada non provocou ningún cambio á fronte das xerais.
O XCO Pena de Rodas, organizado polo Team Bike Outeiro de Rei e que no corte de cinca contou coa presenza do alcalde José Pardo,, abriuse cunha quenda inicial na que se fixeron cos triunfos os catro corredores que lucían as camisolas da Copa. Nos cadetes impúxose Alejandro García (Carballiño), nos máster-40 Iván Pereira (Xesteiras), nos máster-50 Manuel Castro (Toxo) e nos máster-60 José Manuel González (Academia Postal-Maceda).
A segunda manga tiña como prato forte a carreira elite-sub23 masculina. Saúl López poñía en xogo a súa condición de invicto e unha vez máis non concendeu ningún tipo de marxe á sorpresa. O monfortino, cun tempo de 1 hora 17 minutos e 45 segundos, bateu por 2:23 ao líder sub23 Anxo Carril (Coruxo). O terceiro posto absoluto obtívoo Manuel Ángel Parada (Xesteiras) e o top-5 completárono Jorge Punzón (Cosmos) e Rubén Deaño (Ourense Termal), cuarto e quinto respectivamente.
Pola súa banda, a competición raíña feminina ofrecía o duelo entre a elite Eva Ortega e a líder sub23 Andrea García (Academia Postal-Maceda), resolto a prol da representante do conxunto do Deza cun rexistro de 1:26:10 e algo máis de cinco minutos de vantaxe. Lara Lois (Moto Bike), ausente nesta proba, continúa encabezando o ranking elite.
Ao máis alto do podio subiron catro bikers máis. A júnior Uxía Soto (Supermercados Froiz), o júnior Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) e o máster-30 José Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) cumpriron coa súa condición de líderes, mentres que nas cadetes Lorena Patiño (Compostelano) superou a Aroa Otero (Supermercados Froiz), que conserva o maillot da Copa.
A primeira edición do XCO Penas de Rodas pechouse cunha entrega de premios na que Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, agasallou cunha camisola do certame galego a Pilar Méndez, concelleira de Deportes de Outeiro de Rei.
A vindeira xornada da Copa, a sexta, será a decana do calendario autonómico. O vindeiro día 28 disputarase o XXI Gran Premio Concello de Cambre de BTT.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es