A proba decana do Cross Country Olímpico galego viviu o pasado sábado unha das súas edicións máis esixentes. A calor, co termómetro por riba dos 30 graos, marcou a celebración do XXI Gran Premio Concello de Cambre de BTT. Nin a temperatura nin os grandes desniveis do circuíto da Catedral derreteron a solidez de Saúl López (Academia Postal- Maceda), invicto na Copa Galicia XCO deste 2022.
Na sexta xornada do certame autonómico o líder da clasificación absoluta masculina alcanzou a media ducia de triunfos. O elite monfortino encabezou a nómina de gañadores e gañadoras, un total de trece, no evento do Club Ciclista Cambre. Unha cita que mesturou tradición e novidades para poñer a proba aos 166 bikers inscritos.
Respectando a base do seu clásico trazado, o percorrido pola Catedral presentou algunhas modificacións que o fixeron máis entretido e técnico. Se os desniveis xa son unha ameaza de por si, ter que superalos con tanta calor nunha zona de alta humidade provocou un desgaste que se reflectiu no desenlace das carreiras, con diferenzas importantes nas pugnas polas vitorias.
Saúl López, cun tempo de 1:28:29, impúxose con 2'24" de vantaxe sobre o tamén elite Rubén Deaño (Ourense Termal) e con 4'36" respecto ao líder sub23 Anxo Carril (Coruxo). O podio elite completouno Manuel Ángel Parada (Xesteiras) ao anotarse por menos de medio minuto o pulso protagonizado con Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño).
Os outros bikers masculinos que dominaron nas súas categorías foron Alejandro García (Carballiño) nos cadetes, Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) nos juniors, Daniel García (Xesteiras) nos máster-30, Marcos Mayo (BTT O Treito) nos máster-40; Francisco Xavier López Cedrón (MTC) nos máster-50 e José Manuel González (Academia Postal-Maceda) nos máster-60
Andrea García
A estrutura do Academia Postal-Maceda asinou un dobre éxito nas carreiras raíñas. A súa sub23 Andrea García levouse o man a man polo primeiro posto absoluto feminino. Tras 1:14:08 de competición, a coruñesa cruzou a liña de meta cunha marxe lixeiramente inferior a 1' en relación á elite Irene Trabazo (XSM). O club ourensán sumou outro triunfo nas juniors con Sarela Conde, mentres que nas cadetes venceu Lorena Patiño (Compostelano) e a nas masters Silvia García (Bici Verde).
A falta de tres eventos para a conclusión da Copa, as camisolas de líderes pertencen a Aroa Otero (Supermercados Froiz) e Alejandro García en cadetes; a Sarela Conde e Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) en juniors, a Andrea García e Anxo Carril en sub23, a Lara Lois (Moto Bike) e Saúl López en elites, a Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) nos máster-30, a Silvia García nas másters, a Iván Pereira (Xesteiras) nos máster-40, a Manuel Castro (Toxo) nos máster-50 e a José Manuel González nos máster-60.
A xornada en Cambre rematou coa entrega de premios que correu a cargo da edil de Economía e Facenda, María Pan Lesta; do concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga; do presidente do club organizador, Juan Carlos Candal; da tesoureira, María Casal; e de Alberto del Río, técnico da Federación Ciclismo Galego.
Debido á suspensión do IV XCO Concello de Oroso, a vindeira cita da Copa chegará o 18 de xuño en Marín co Xaxanbike 22.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es