Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 12/06/2022 00:46:02

Fagúndez ratifica cunha vitoria no Porriño o seu liderado na Copa Galicia de Estrada

O uruguaio do Padronés-Cortizo bateu ao estadounidense Alex Hoehn (Drone Hopper-Gsport-Grupo Innova Tormo) no man a man final

A Copa Galicia de Estrada para corredores Elite-Sub23 decídese esta fin de semana cunha dobre cita e na primeira entrega impúxose o líder. Eric Fagúndez (Padronés-Cortizo) adxudicouse este sábado o Gran Premio Concello do Porriño tras decantar ao seu favor o pulso que mantivo co estadounidense Alex Hoehn (Drone Hopper-Gsport-Grupo Innova Tormo). O certame autonómico resolverase este domingo en Moaña coa disputa da primeira edición da Domaio Heroica-Gsport. 

Gañador da Clásica de Pascua na apertura da Copa Galicia, o charrúa Fagúndez defendía no Porriño a súa condición de primeiro na xeral elite. O Máster da Louriña deseñou un trazado de 141 quilómetros con tres portos de montaña na segunda metade do percorrido. O primeiro treito da carreira, a coñecida como a Volta ao Val, aproveitárono sete corredores para formar unha fuga. Álvaro Carasa (Vigo-Rías Baixas), Neo Martínez (Supermercados Froiz), Aser Estévez (Team Oiense), Iván Vidal (Tenerife Bike Point), Fernando Lopes (Lasal Cocinas-Louriña), Jeison Rujano (Padronés) e Miguel Moya (Drone Hopper) compuxeron o grupo que foi neutralizado nas ramplas de San Cosme, que se coroaba no km 91. 

A neutralización da escapada provocou o inicio dos ataques no pelotón. Por diante, quedaban dúas ascensións a Abelenda e na primeira delas abriron oco Fagúndez e Hoehn. O Vigo-Rías Baixas liderou a persecución e a carreira chegou con todo por decidir ao treito final.

Diferenzas mínimas

A renda do uruguaio e do estadounidense chegou a estar por debaixo dos 20" no segundo paso por Abelenda, co seu cumio a 12 km da meta. Incluso un trío que saltou desde o pelotón estivo a piques de botarlle a luva ao dous do cabeza, pero a falta de entendemento impediu a Carmelo Urbano (Supermercados Froiz), Édgar Esteban (Lasal Cocinas) e Noel Martín (Rías Baixas) contactar con Fagúndez e Hoehn. 

O descenso ata O Porriño serviu ao do Padronés e ao do Drone Hopper para consolidar a súa vantaxe e xogarse a vitoria nun man a man entre ciclistas elites. Fagúndez bateu a Hoehn nos últimos metros despois de 3 horas 33 minutos e 6 segundos de carreira. O pelotón rematou a 24" encabezado por Josué Gómez (Drone Hopper) e con Rubén Fernández (Retelec-Cycling Galicia), na décimo cuarta praza, como mellor galego.

A vitoria de Fagúndez amplía o colchón de puntos do uruguaio como líder elite a falta da Domaio Heroica-Gsport deste domingo. O Padronés-Cortizo tamén domina a xeral sub23 por medio do guatemaltco Sergio Chumil, que desbancou do primeiro posto a Tobias Tanfield (Retelec). 

As camisetas da Copa e os premios do carreira entregáronse nunha cerimonia de podio que contou coa presenza de Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; de Jose Juan Álvarez, presidente do Máster da Louriña; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

Clasificación 

GALERÍA DE FOTOS

Fagúndez ratifica cunha vitoria no Porriño o seu liderado na Copa Galicia de Estrada

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es