Fin de semana redondo para Eric Fagúndez e o Padronés-Cortizo. O elite uruguaio gañou o sábado no Porriño e este domingo na Domaio Heroica-Gsport pechou cun pleno de triunfos a Copa Galicia de Estrada. O seu equipo tamén defendía en Moaña a camisola de líder sub23 do certame autonómico e conservouna co guatemalteco Sergio Chumil.
A Domaio Heroica-Gsport fixo honra ao seu nome na súa primeira edición. A terceira e última cita da Copa Galicia ofreceu en 74 quilómetros unha proba dura e explosiva que só lograron terminar 21 dos 75 ciclistas que tomaron a saída.
A carreira organizado pola A.D. Punta Fondón arrancou ás portas da Capela de San Bieito, encargándose do corte cinta Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes da Deputación de Pontevedra; Dolores Chapela, concelleira de Deportes do Concello de Moaña; e María Ortega, concelleira de Benestar, Muller e Igualdade. Non houbo nin un metro chairo nin un instante de tregua desde o banderazo inicial. O percorrido constaba de dúas voltas a un circuíto que incluía dous altos de 2ª categoría, A Fraga e San Lourenzo, e nos últimos 14 quilómetros volvía subir San Lourenzo, pero nesta ocasión a ascensión prolongábase 2 km ata Chan d’ Arquiña.
O conxunto anfitrión, o Drone Hopper-Gsport-Grupo Innova Tormo, lanzou a carreira e con Josué Gómez transitou en cabeza pola Fraga e pola primeira das tres Metas Volantes en Domaio. As esixentes ramplas iniciais de San Lourenzo efectuaron unha primeira criba no pelotón e a segunda volta tivo como principal protagonista a Tobias Tanfield. O sub23 británico do Retelec Cycling Galicia puntuou en primeira posición na Fraga e no punto quente establecido en cada paso por Domaio.
Chan d'Arquiña
Tanfield non resistiu á fronte da carreira o segundo asalto a San Lourenzo e, do mesmo xeito que sucedera no primeiro, Diego Martín-Lázaro (Supermercados Froiz) coroou en primeira posición. Os constantes ataques e contraataques na parte dianteira da carreira provocaron que os candidatos ao triunfo chegaran xuntos ao arranque da subida definitiva, a Chan d'Arquiña, unha ascensión de 6 km cun desnivel medio do 8,2% e ramplas por encima do 19% de pendente.
Oito corredores quedaron na cabeza a falta de 5 km, antes de que se destacasen Fagúndez e o chileno José Autrán (Froiz). O dúo do Drone Hopper formado polo estadounidense Alex Hoehn e o castellonenco Carlos Collazos tentou alcanzar a roda dos dous primeiros, pero a vitoria estaba no tándem suramericano.
O cara a cara entre escaladores puros decidiuno Fagúndez a falta de 2 km, na aproximación ao desvío para Chan d’ Arquiña. O uruguaio marchouse en solitario e impúxose con 18" de marxe respecto a Autrán. Terceiro rematou Hoehn e o primeiro galego, Rubén Fernández (Retelec), entrou décimo cuarto.
Na cerimonia de podio entregáronse os premios da carreira e os das xerais finais da Copa Galicia. Fagúndez recolleu a camisola azul e branca elite escoltado por Hoehn e Collazos, mentres que Sergio Chumil festexou o seu triunfo no ranking sub23, con Tanfield segundo e Jeison Rujano (Padronés). Á coroación dos triunfadores da Domaio Heroica-Gsport e do certame autonómico asistiron como autoridades Rubén García, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Domaio; Rodrigo Currás, concelleiro de Mobilidade; Dolores Chapela; Javier Carro, concelleiro de Moaña; o cabo Alberto por parte da Garda Civil; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es