Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 21/06/2022 10:23:19

A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo

Os líderes elites Lara Lois (Moto Bike) e Saúl López (Academia Postal-Maceda) mantiveron a súa condición de invictos na Xaxanbike

Na fin de semana previa á disputa do Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico en Maceda, a Copa Galicia XCO regresou en Marín coa súa sétima e antepenúltima xornada. A Xaxanbike organizada polo XSM ofreceu o seu habitual e entretido circuíto no que non houbo lugar á sorpresa nas probas raíñas. Os líderes elites Lara Lois (Moto Bike) e Saúl López (Academia Postal-Maceda) mantiveron a súa condición de invictos no certame autonómico. 

Comparándoo cun "parque de atraccións" definiu a biker grovense nas súas redes socias o trazado de Chan de Gagán. Lois completou en 1:14:11 cinco voltas a un percorrido no que había lama, escaleiras, troncos... A elite do Moto Bike avantaxou en 9'43" á anfitrioa Irene Trabazo (XSM) e ao terceiro chanzo do podio subiu Tania Bugarín (Bester).

Un xiro máis ao circuíto, un total de sete, deron os elite-sub23 masculinos e durante as dúas primeiras voltas o líder sub23 Anxo Carril (Coruxo) resistiu o ritmo de Saúl López. O monfortino acabou impoñendo a súa lei antes de alcanzar o ecuador da carreira e o seu sétimo triunfo consecutivo desta campaña cun rexistro de 1:25:46. Carril rematou a 2'29 do representante do Academia Postal-Maceda e a terceira posición e o terceiro posto absoluto acadouno o elite Manuel Ángel Parada (Xesteiras) tras unha igualada pugna con Rubén Deaño (Ourense Termal) que se decidiu por 18" a prol do corredor de Aguiño. 

Cadetes, juniors e masters

A categoría máis emocionante esta temporada na Copa Galicia é a cadete feminina. Lorena Patiño (Compostelano) venceu en Marín e na xeral colócase a 30 puntos da líder Aroa Otero (Supermercados Froiz). Nos juniors masculinos tamén se lle resistiu a vitoria ao primeiro da xeral, a Martín Sestelo (Avanza-O Porriño), batido nesta ocasión por Danny Buba (Coruxo). O cadete Alejandro García (Carballiño) e a júnior Uxía Soto (Froiz) si que se impuxeron vestidos coa camisola do certame autonómico. 

En canto aos masters só gañoaron dous líderes, a máster-40 Silvia García (Bici Verde) e o máster-60 José Manuel González (Maceda), pero tamopuco se rexistrou ningún cambio no máis alto das xerais. Samuel Baña (Toxo) superou ao líder máster-30 Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal), Marcos Mayo (BTT O Treito) ao primeiro do ranking máster-40 Iván Pereira (Xesteiras) e a mesma situación deuse nos máster-50 entre Óscar González (Máis Que Bicis) e Manuel Castro (Toxo).

A vindeira cita do XCO galego será este domingo o Campionato autonómico e a Copa finalizará en menos dun mes: o 9 de xullo chegará a Cuntis e a fin de semana seguinte finalizará en Ribadumia. 

Clasificacións

Sección da Copa Galicia XCO 

GALERÍA DE FOTOS

A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo
A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo
A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo
A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo
A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo
A Copa Galicia XCO entrou en Marín no seu mes definitivo

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es