Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 02/05/2022 14:48:58

Dous juniors mandan no II Trofeo Federación DHI Manzaneda BikePark

A asturiana Cristina Menéndez e o madrileño Daniel Castellanos marcaron os mellores rexistros na proba inaugural da Copa Galicia

A Copa Galicia de Descenso regresou, tras dous anos de ausencia pola pandemia, no que esta temporada vai ser o seu escenario de referencia. O Bike Park da estación de montaña ourensá de Manzaneda acolleu este domingo o II Trofeo Federación DHI. A proba que abriu o calendario autonómico tamén repartía puntos para o ranking estatal e entre os 128 participantes os mellores tempos marcáronos dous pilotos juniors chegados dende outras comunidades: a asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike) e o madrileño Daniel Castellanos (Planet MTB).

As condicións atmosféricas acompañaron cun día solleiro, nada que ver co acontecido o pasado mes de novembro na primeira edición do evento organizado conxuntamente pola Federación Ciclismo Galego (FCG) e a Estación de Montaña de Manzaneda. Grazas ao traballo técnico do staff do Manzaneda Bike Park, as corredoras e os corredores puideron desfrutar, e ao mesmo tempo padecer, o circuíto ‘Cabra Calavera’.

O percorrido no que se celebraron as quendas clasificatoria e final presenta un importante compoñente físico. Pedalear é obrigatorio tanto no treito inicial como no final, unha esixencia superior á da maioría de probas de DH e que provocou que unha parte dos riders chegaran sen folgos á liña de meta.

A esas características do trazado adaptouse mellor que ninguén o júnior Daniel Castellanos. Segundo na clasificatoria (3:13.309) a menos dunha décima do elite Manuel Pellón (BDM Bike Club), que fixo 3:13.265 na primeira baixada, o madrileño rebaixou en 4” o seu propio rexistro na final. Acadou o scratch detendo o cronómetro en 3:09.121.

A 2” do representante do Planet MTB quedouse Víctor Mariño (X Bikes), cunha marca de 3:11.668 que lle outorgou o triunfo nos sub23 e a segunda praza absoluta. Terceiro concluíu o gañador elite Pellón, que tamén conseguiu mellorar a referencia da clasificatoria e desta vez realizou a baixada en 3:12.383.

O cuarto piloto máis rápido foi o vencedor máster-30 Iván Mourelo (DH Galicia) e o quinto, o júnior André Martínez (Avanza-O Porriño). A nómina de gañadores nas clasificacións masculinas completárona o cadete Tristán Bayarri (Bike Comp Sta. Cruz), o máster-40 José Manuel Verdía (CiclosQuintena) e o máster-50 Ricardo Escudero (Poio Bike Club). Ao marxe da Copa Galicia tamén se disputou unha categoría infantil, na que se impuxo Xabi Rial (Bici Verde), e unha de Enduro, con vitoria de Alejandro Ledo (Rocasport Giant).

Raíña de Manzaneda

A mesma rider que triunfara na primeira edición do Trofeo Federación DHI Manzaneda BikePark repetiu éxito seis meses despois. A júnior Cristina Menéndez volveu cumprir cos prognósticos, desta vez cun 'crono' de 3:49.957. A asturiana do Cuetos Bike bateu por 15” a Eva Castro (CiclosQuintena), primeira líder elite da Copa, e terceira rematou a tamén elite Covadonga González (Cuetos Bike), a 24” da súa compañeira de equipo e filla.

A camisola da categoría sub23 recibiuna Uxía Álvarez (Coruxo), a menos dun segundo de entrar no top-3 absoluto, e a quinta praza correspondeu a Gemma Chapela (VK Bikes), terceira nas elites. En canto ás infantís, Nayra Giráldez (Monteboi) recolleu o premio como gañadora.

A cerimonia de podio contou coa presenza de Víctor Picos, director da Estación de Montaña; Miguel Sierra, tenente alcalde do Concello da Pobra de Trives; Clemente Pérez, responsable da Agrupación de Protección Civil de Manzaneda; e José Antonio Guerra e Juan González, voluntarios de Protección Civil de Manzaneda. Esteban Lorenzo, director do evento e directivo da FCG, encargouse de impoñer os maillots da Copa. A organización agradece especialmente a colaboración dos voluntarios de Protección Civil de Manzaneda e da Pobra de Trives, así como dos membros do Maese Riders Team.

O certame autonómico volverá a escena o 5 de xuño no Páramo co VI Descenso DhgTeam e a seguinte cita co DHI en Manzaneda chegará o 10 de xullo no Campionato de Galicia.

Clasificacións

Sección da Copa Galicia DHI

GALERÍA DE FOTOS

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es