Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 07/06/2022 12:15:43

Uxía Álvarez e Iván Mourelo voan no DH Molinos

A sub23 do Coruxo e o máster-30 do DHGTeam asinan os scratchs na segunda xornada da Copa Galicia de Descenso

Saltos e velocidade no segundo asalto da Copa Galicia de Descenso. O DH Molinos ofreceu o domingo no concello lucense do Páramo moitos dos ingredientes que garanten o espectáculo na especialidade máis vertixinosa do BTT. Coa sub23 Uxía Álvarez (Coruxo) e o máster-30 do conxunto anfitrión Iván Mourelo marcando os tempos scratch, cinco camisolas de líderes do certame autonómico cambiaron de mans.

O DHGTeam preparou unha baixada moi rápida que tamén incluía treitos de pedaleo. A chuvia dos días anteriores provocou que a lama se apoderara de varias zonas e que os sectores con pedras resultaran especialmente escorregadizos. Un circuíto que poñía a proba a técnica de pilotaxe dos 88 inscritos e a súa capacidade para voar sen motor no carrusel de saltos. 

Lucindo o maillot de líder máster-30, Iván Mourelo fixo valer o factor campo ante os elite-sub23. O piloto do DHGTeam detivo o reloxo na final en 3:22.234, sendo o único participante que baixou da barreira dos 23 segundos.

Un elite, Kevin Méndez (Rocasport Giant), apuntouse a segunda praza cun tempo de 3:23.024 e coa terceira posición fíxose o sub23 Zoe del Río (XSM) grazas ao seu rexistro de 3:23.258, tres décimas mellor que o de Alejandro Paz (Bicis Oliveira), segundo sub23. Os catro primeiros distanciáronse en 5" do quinto clasificado, o máster-30 Alejandro Vila (Xtrembike).  

As outras catro categorías masculinas da Copa Galicia tiveron como gañadores a Yago Caride (Bici Verde) nos cadetes, a André Martínez (Avanza-O Porriño) nos juniors, a Jose Montenegro (Moto Bike) nos máster-40 e a Ricardo Escudero (Poio Bike) nos máster-50. Ao marxe do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) tamén houbo competición infantil, con Xabi Rial (Bici Verdo) ocupando o primeiro posto, e de Enduro, con vitoria de Paul Thiebaut (CiclosQuintena).

Entre as mulleres, Uxía Álvarez dominou a táboa elite-sub23 con autoridade. A corredora viguesa rubricou na final cun crono de 4:38.766, rebaixando en 25" a marca da elite Gemma Chapela (VkBikes). A terceira posición correspondeu a Alejandra Chapela (Kamikazes).

Cinco novos líderes

O paso da Copa pola comarca de Sarria deixou cinco variacións no máis alto das xerais. O cadete Yago Caride, o júnior André Martínez, a elite Gemma Chapela, o elite Nicolás Larrán (Traviesas) e o máster-40 Rubén Piñeiro (Mesoiro) tomaron o mando nas súas categorías. Continúan como líderes Cristina Menéndez (Cuetos Bike) nas juniors, Uxía Álvarez nas sub23, Iván Mourelo nos máster-30, Ricardo Escudero nos máster-50 e Víctor Mariño (X Bikes), este último malia sufrir unha caída que lle causou unha rotura de clavícula. 

Os premios do DH Molinos e do certame da FCG entregáronse nunha cerimonia de podio na que estiveron como autoridades Benjamín García, concelleiro de Deportes e Medio Rural do Páramo; Ana Castaño, concelleira de Familia. Muller e Xuventude; Efren Castro, deputado de Deportes da Deputación de Lugo; Manuel Sánchez, de Queserías Sarrianas; Manuel Vázquez, presidente da Comunidade de Montes A Torre; e representantes do club organizador DHGTeam. 

A Copa autonómica de Descenso regresará o 7 de agosto co IV Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park. Antes, e tamén na estación de montaña ourensá, celebrarase o 10 de xullo o Campionato de Galicia. 

 

 

Clasificacións DH Molinos

Sección da Copa Galicia DHI

GALERÍA DE FOTOS

Uxía Álvarez e Iván Mourelo voan no DH Molinos
Uxía Álvarez e Iván Mourelo voan no DH Molinos
Uxía Álvarez e Iván Mourelo voan no DH Molinos
Uxía Álvarez e Iván Mourelo voan no DH Molinos

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es