Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 22/05/2022 19:56:16

Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia

A cadete do Cambre, o cadete do Ingeven e a júnior do Farto venceron na tripla apertura dos certames autonómicos de estrada

O Trofeo Concello de Carballo subiu o pano este sábado da Copa Galicia de Estrada para tres categorías. As cadetes, os cadetes e as juniors femininas pugnaron polas primeiras camisolas de líderes do certame autonómico nun evento no que tamén houbo competicións de escolas. Case 200 participantes reuníronse nun dos grandes eventos da temporada para o ciclismo base. 

A xuvenil Sonia Domínguez impúxose en solitario no percorrido de 50,9 quilómetros deseñado polo Club Ciclista Carballo. A júnior do Team Farto-BTC avantaxou en 2:40 a Carmen Mallo (Cambre-Caeiro), segunda clasificada, e o podio desta carreira completouno Andrea Prado (Betanzos).

Con solvencia tamén venceu Lara Fuentes (Cambre-Caeiro) nas cadetes. A primeira líder da Copa obtivo unha diferenza de 2' respecto a Lucía Ballester e o terceiro chanzo do caixón correspondeu a Carmen Cabot (Compostelano). 

Un guion parecido seguiu a carreira cadete masculina, pero neste caso foron dous os corredores que se distanciaron para lograr a vitoria. Dous representantes do conxunto cántabro Ingeven Ventanas presentáronse na recta final con 2'15" de marxe sobre os seus perseguidores. Javier Balbas cruzou a liña de meta por diante do seu compañeiro Andrei Stetsiv, unha entrada que nada tivo que ver co emocionante esprint pola terceira praza. Nun duelo a tres, Tomás Pombo (Aluminios Cortizo) fixo valer a súa punta de velocidade ante Diego López (Cambre-Caeiro) e Alejandro Crende (Cidade de Lugo-MyBike), cuarto e quinto respectivamente. 

A Copa Galicia Cadete masculina vivirá a súa segunda xornada o 26 de xuño no Trofeo Camiño de Santiago, en Compostela, e os tres certames volverán compartir cartel o 17 de xullo no Trofeo Vila de Luou, en Teo. 

Escolas

Ao marxe das probas da Copa, as probas de escolas tiveron como gañadoras e gañadores a Iria Ruíz (Betanzos) e Álvaro Díaz (Triatlon Coruña) en Promesas, a Alba Ruíz (Betanzos) e Breixo Rodríguez (Eo) en Principiantes, a Antía Torres (Teis) e Álvaro Iglesias (Carballo) en Alevíns, e a Alejandra Neira (Compostelano) e Anxo Delgado (Compostelano) en Infantís.

 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia
Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia
Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia
Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia
Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia
Lara Fuentes, Javier Balbas e Sonia Domínguez saen de Carballo como líderes da Copa Galicia

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es