Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 16/08/2022 00:25:22

Sonia Domínguez, Alejandro Crende e Lara Fuentes conquistan en Ourol as xerais da Copa Galicia

A júnior do Farto e a cadete do Cambre venceron nas súas categorías no Gran Premio San Roque. O cadete do Cidade de Lugo defendeu con éxito a camisola de líder nunha carreira que se adxudicou Andrei Stetsiv (Ingeven)

A Copa Galicia Cadete e Júnior Feminina coroou este sábado en Ourol aos seus gañadores finais. O Gran Premio San Roque decidiu as clasificacións xerais das tres categorías e coas camisolas de líderes, tras a disputa de catro xornadas, fixéronse a xuvenil Sonia Domínguez (Farto) e a mesma parella de cadetes que se adxudicou o certame autonómico no 2021: Lara Fuentes (Cambre) e Alejandro Crende (Cidade de Lugo-Mybike). O evento organizado polo Club Ciclista Viveiro tamén celebrou probas de escolas e unha pioneira carreira inclusiva.

O ranking júnior feminino era o que chegaba máis igualado á provincia de Lugo. Andrea Prado (Betanzos), que lucía a camisola de líder, e Sonia Domínguez estaban empatadas a puntos antes de que comezaran os 30 quilómetros con saída e meta en Ourol, mesmo percorrido que afrontaron as cadetes.

A emoción na pugna pola Copa xuvenil mantívose ata os metros finais e o pulso decantouse a prol de Domínguez, que avantaxou en 4" a Prado. A corredora do Farto entrou a roda de Lara Fuentes, a líder cadete que certificou o seu éxito na xeral, por segundo ano consecutivo, asinando a súa terceira vitoria da temporada no certame autonómico. A representante do Cambre estivo escoltada no podio da xornada por Lucía Ballester (Betanzos) e a asturiana Candela Noval (Viella), segunda e terceira, respectivamente. O terceiro chanzo do caixón júnior ocupouno Carmen Mallo (Cambre).

Dentro da proba cadete masculina, sobre 47 km, vivíronse dúas carreiras: unha polo triunfo parcial e outra pola Copa. O primeiro posto en Ourol decidiuse nun man a man ao esprint que Andrei Stetsiv (Ingeven), con licenza cántabra, se apuntou ante o asturiano Asier Ramos (Las Mestas). A 15" do gañador entrou un cuarteto encabezado por Miguel Fernández (Cambre), máis rápido nos últimos metros que o canario Agustín Martín (Bentor), Adrián García (Compostelano) e Iván Blanco (Vigués).

Lonxe da cabeza de carreira, a case 7 minutos, os dous primeiros da xeral vixiáronse no pelotón. O líder Alejandro Crende defendeu a renda de 30 puntos que tiña respecto a Diego López (Cambre) e incluso a ampliou minimamente ao cruzar a meta xusto por diante do segundo clasificado no ranking. Ao igual que aconteceu nas rapazas cadetes, o vencedor da Copa foi o mesmo que no 2021.

Escolas

O palmarés desta edición do Gran Premio San Roque, que este ano tivo Ourol como epicentro, completouse cos resultados das categorías de escolas. As vitorias corresponderon a María Seoane (Carballo) e Xoán Sande (Barbanza) en Promesas, a Alba Ruíz (Betanzos) e Dani Tembras (Turiaso) en Principiantes, a Vega Aldrey (Triatlon Coruña) e Abraham González (Teis) en Alevíns; e a Alejandra Neira (Compostelano) e Darío Gimeno (Ciclos Moli) en Infantís.  

Clasificación Ourol

Sección da Copa Galicia

GALERÍA DE FOTOS

Sonia Domínguez, Alejandro Crende e Lara Fuentes conquistan en Ourol as xerais da Copa Galicia
Sonia Domínguez, Alejandro Crende e Lara Fuentes conquistan en Ourol as xerais da Copa Galicia
Sonia Domínguez, Alejandro Crende e Lara Fuentes conquistan en Ourol as xerais da Copa Galicia
Sonia Domínguez, Alejandro Crende e Lara Fuentes conquistan en Ourol as xerais da Copa Galicia

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es