Cun dobre evento o calendario federativo galego despediuse por esta temporada do seu principal escenario. O I Mini DH Manzaneda Bike Park e o IV Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park congregaron durante a fin de semana a riders de todas as idades na estación de montaña ourensá. Dúas xornadas de diversión e competición que remataron coa júnior Kira Zamora (Galapagar) e o elite Kevin Méndez (Rocasport Giant) sendo os máis rápidos na proba da Copa Galicia.
A terceira cita do certame autonómico estivo marcada polos erros e as caídas dende os adestramentos oficiais do domingo pola mañá, dende as 10:00 horas ata as 12:30. O circuíto Carqueixa gustou moito aos participantes, tendo como punto máis complicado de xestionar a trialeira da aproximación á meta. A ese treito final chegábase despois dun inicio nun prado con varias curvas a través do que se accedía ao bosque, onde as dificultades aumentaban por mor das raíces e das pedras. A continuación, pasábase por unha pista de alta velocidade na que os pilotos lanzábanse cara a última zona de pedras, un terreo que esixía afinar para ir pola mellor trazada e non saírse dela para non irse ao chan.
Un dos riders que non se librou dos accidentes foi Kevin Méndez. Durante a quenda clasificatoria, o elite do Rocasport Giant perdeu o control da súa bicicleta na trialeira previa á chegada, fixo un recto e sufriu unha picada, o que o enviou ao último posto da táboa. O mellor rexistro nesta primeira baixada marcouno o líder elite Nicolás Larrán (Traviesas), que detendo o reloxo en 2:09,633 superou aos sub23 Zoe del Río (XSM) -2:11,347- e David Fernández (Avanza-O Porriño) -2:11,844-.
Batalla feminina
Outro contratempo na clasificatoria e na última trialeira protagonizouno a actual campioa de España absoluta, a madrileña Zoe Zamora. A caída da rider do Galapagar limitouna fisicamente na final e o seu crono de 2:37,039, que lle outorgou a vitoria sub23, rebaixouna a súa irmá Kira. A júnior madrileña, primeira tamén na clasificatoria, asinou o mellor tempo feminino na segunda baixada -2:34,168-. O terceiro rexistro scratch -2:46,437- marcouno a júnior asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike).
En canto ás galegas, Alba Arias (CiclosQuintena) obtivo a segunda praza na clasificatoria, pero a decisiva trialeira atragoóuselle na final e concluíu cuarta entre todas as participantes -2:54,754. A sexta marca máis rápida, por detrás da da asturiana e gañadora cadete Natalia Menéndez (Cuetos Bike)-2:54,386-, correspondeu á vencedora e líder elite Gemma Chapela (VK Bikes), que percorreu o trazado Carqueixa en 2:55,621. Pola súa banda, Tamara Méndez (+Enduro) anotouse o triunfo nas máster-30.
Triunfo sen referencias
A quenda final tivo que adiatarse ás 15:00 horas por unha ameaza de treboada que poñía en risco o funcionamento da telecadeira. Unha vez que saíron todas as mulleres, compareceu como primeiro participante masculino Kevin Méndez. Sen referencias do resto de competidores, o ferrolá lanzouse a por todas: "Tiven unha baixada consistente, sen cometer grandes erros, e en xeral foi moi boa. Sabía que ía estar pelexando con pilotos como Nico, Zoe e algúns dos que viñeron doutras comunidades autónomas".
O tempo que estableceu o elite do Rocasport Giant -2:05,356- ningúen o puido rebaixar. Deste xeito, Méndez acadou o seu primeiro éxito absoluto na Copa Galicia e fíxoo nunha proba que ademais reparte puntos para o ranking estatal. A 1,797 do rider de Ferrol terminou Nicolás Larrán, que mantén a camisola de líder elite, e terceiro scratch clasificouse o vencedor sub23 Zoe del Río -2:10,074-. O elite Asier Herrero (Mammoth) -2:11,367- e David Fernández -2:11,801- completaron o top-5.
No resto de grupo de idades conseguiron as vitorias o máster-30 Iván Mourelo (DH Galicia), sexto na táboa absoluta; o máster-40 José Manuel López Vaqueiro (X Bikes), noveno scratch; o júnior Hugo García (RMR); o máster-50 Ricardo Escudero (Poio Bike) e o cadete Yago Caride (Bici Verde).
Ao marxe da Copa Galicia disputáronse as categorías de infantís, con triunfos de Nayra Giráldez (Monteboi) e Xabi Rial (Bici Verde), e de Enduro, dominada por Carlos Núñez (Kamikazes).
Líderes Copa Galicia
A falta dunha xornada para a conclusión do certame autonómico, as xerais da Copa están encabezadas por Natalia Menéndez e Yago Caride en Cadetes, Cristina Menéndez e André Martínez (Avanza-O Porriño) en Juniors, Uxía Álvarez (Coruxo) e Zoe del Río en Sub23, Gemma Chapela e Nicolás Larrán en Elite, Tamara Méndez e Iván Mourelo en Máster-30, José Montenegro (Moto Bike) nos máster-40 e Ricardo Escudero nos máster-50.
Coa entrega das camisolas de líderes baixouse o pano dunha cerimonia de podio que contou coa presenza de Víctor Picos, xerente da Estación de Montaña de Manzaneda; de Alejandra González, responsable do departamento da estación; e de Esteban Lorenzo, director da proba. O desenlace da Copa Galicia terá lugar o 18 de setembro no DH VK Bikes-Vilaboa.
Mini DH
Como aperitivo do cuarto Trofeo Federación DHI, terceiro desta campaña, o sábado celebrouse a primeira edición do Mini DH Manzaneda Bike Park. Nun día soleado e de temperatura agradable, a actividade comezou ás 10:00 horas no circuíto Medras cos adestramentos. Principiantes, Promesas e Benxamíns saían dende unha zona de bosque con curvas, rematando nun prado e nunhas mesetas. Nese mesmo trazado, pero poñéndose en marcha 300 metros máis arriba, a categoría Alevín arrancaba nunha zona rápida, con grandes peraltes e terra esvaradía.
Na nómina de vencedores inscribiron os seus nomes Sabela Rodríguez (Maceda) e Martín Blanco (Maceda) en Promesas, Vera Rodríguez (Avanza-O Porriño) e Manuel Graña (XSM) en Principiantes, Nico González (Maese Riders) nos Benxaníns e Guillermo García (Avanza-O Porriño) nos Alevíns.
A organización desta dobre cita quere expresar o seu agradecemento a todas e a todos os riders, especialmente aos chegados dende outras comunidades autónomas e Portugal, por terse desprazado ata Manzaneda e formar parte desta experiencia. Do mesmo xeito, deséxase poñer en valor a gran colaboración e axuda prestada pola Estación de Montaña de Manzaneda para facer posibles os catro eventos da Federación Ciclismo Galego que o Bike Park de Manzaneda acolleu ao longo deste ano.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es