Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 29/08/2022 16:05:11

A Ruta BTTeiros Cova da Serpe debutou ao grande na Copa Galicia de Maratón

Brandán Márquez (V Bikes) e o Extol, cun 'dobrete' feminino, triunfaron en Guitiriz

A cuarta xornada da Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM) supuxo a estrea de Ruta BTTeiros Cova da Serpe no calendario do certame autonómico. Un debut ao grande polo nivel organizativo, o percorrido e a entidade dos gañadores. O elite Brandán Márquez (V Bike) impúxose na categoría masculina e o Extol MTB Team asinou un 'dobrete' feminino con Susana Alonso e Eva Ortega na liña de meta de Guitiriz.

A sexta edición do evento organizado polo Club BTTeiros Cova da Serpe presentou un percorrido de 80 quilómetros, con máis de 1.800 metros de desnivel acumulado, para a maioría das categorías de homes e de 73 km, con máis de 1.400 metros de acumulado, para as mulleres. Un trazado con sendeiros moi esixentes e subidas de pendentes pronunciadas como a da Cova da Serpe e a da Costa da Igrexa de Parga. A néboa que acompañou aos 250 bikers -entre os participantes na proba da Copa Galicia e os cicloturistas- que se reuniron na liña de saída, desapareceu a media mañá e a calor apertou con forza no treito final da ruta. 

"Foi unha carreira por eliminación", sintetiza Brandán Márquez. As avarías e os desfalecementos deixaron fóra de combate a todos os acompañantes do vigués no grupo de sete unidades que se destacou nas ramplas da Cova da Serpe. Xunto ao corredor do V Bike marchaban Javier Busto e Yago Fernández (Extol), Xavier Meizoso (Narón), Diego Álvarez (Team Oiense-Escuela Aser Estévez), Estefan González (Burgas Bike) e Diego Álvarez (MTC). 

A criba comezou cun problema mecánico do portador da camisola de líder elite da Copa, Diego Álvarez, a quen lle rachou a cadea no km 16 e tivo que abandonar. No paso intermedio pola meta, á altura do km 56, o grupo de cabeza quedara reducido a un terceto composto por Busto, Meizoso e Márquez. Aínda restaban os principais desniveis do percorrido e pouco despois de atravesar Guitiriz a fatiga eliminou ao representante do Narón. 

Picada de Busto

A loita pola vitoria quedou reducida a un man a man entre Busto e Márquez. "A falta de 20 km eu ía pensando que un corredor tan explosivo ía meterme unha boa machacada se chegabamos a esprint...", temía o do V Bike, un desenlace que non se deu porque o do Extol sufriu unha picada nun treito de baixada. "Íamos os dous sen arriscar, víamos que o percorrido estaba para ter un contratempo mecánico... e a carreira púxoseme de cara. Atopeime moi ben, pero tiven esa sorte de non sufrir unha avaría", recoñece o segundo clasificado o domingo anterior en Carral.

Cun tempo de 3:40:26, Márquez triunfou no Campo da Feira de Guitiriz. A 4:17 do gañador concluíu Busto e o Extol conseguiu outra praza no podio elite co terceiro posto de Yago Fernández. O cuarto biker que compareceu na meta, Toño Rivas (Ourense Termal), apuntouse por 35" de diferenza o duelo con Diego Álvarez pola vitoria entre os máster-40. Sexto entrou o líder máster-50 Francisco López Cedrón (MTC), sétimo rematou o elite Iván Raña (Hoomu) e nun axustado esprint Diego Rey (Tambre Bike) apuntouse ante Manuel Casuso (Xesteiras) a oitava praza e o chanzo máis alto do podio máster-30. O cadro de vencedores masculino completárono o sub23 Ignacio Casal (Os Esfola Arrós) e o máster-60 Pedro Luís Delgado (BTT Ultreia).

Vitoria compartida

O Extol, o mellor equipo da xornada, exhibiuse na proba feminina. As súas elites Susana Alonso e Eva Ortega rodaban xuntas no primeiro paso pola liña de meta, cunha cómoda vantaxe respecto ao resto de competidoras, e non se separaron nos últimos 17 km. As dúas festexaron a vitoria nos metros finais e a mosense sumou o seu terceiro triunfo consecutivo na Copa Galicia ao entrar lixeiramente por diante da súa compañeira cando o reloxo marcaba 3:50:22.  

A terceira muller en terminar o percorrido foi a gañadora máster-40 Ana González Cuña (Mitto X-Sauce), por diante da tamén máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras). A elite Desiree Fernández (Ribadumia) fixo quinta e Diana Blanco (Avelaíñas) superou entre as máster-30 a Sofía da Silva (Os Mosqueteiros). 

Dous novos líderes

O segundo bloque de carreiras no calendario da Copa Galicia pechouse con dous cambios de líderes. Busto desbancou a Diego Álvarez na xeral elite e outra vítima dos problemas mecánicos, Delmiro Acevedo (Burgas Bike), cedeu a prol de Toño Rivas o primeiro posto nos máster-40. Á fronte do resto dos rankings continúan o júnior Hugo Álvarez (Academia Postal-Maceda), o sub23 Diego Marnotes (Terras de Cea), a elite Desiree Fernández, Silvia Blanco e Pablo Iglesias (Sanomedio) en máster-30, a máster-40 Ana González Cuña, o máster-50 Francisco López Cedrón e o máster-60 Pedro Luís Delgado. 

De entregar os premios e os maillots na cerimonia de podio celebrada no Campo da Feira encargáronse o concelleiro de Deportes de Guitiriz, Iván Morado; o presidente do club BTTeiros Cova da Serpe, Marcos Rego; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. O certame autonómico de XCM regresará o 2 de outubro en Carballo co seu penúltimo desafío 

Clasificación 

Sección da Copa Galicia XCM

GALERÍA DE FOTOS

A Ruta BTTeiros Cova da Serpe debutou ao grande na Copa Galicia de Maratón
A Ruta BTTeiros Cova da Serpe debutou ao grande na Copa Galicia de Maratón
A Ruta BTTeiros Cova da Serpe debutou ao grande na Copa Galicia de Maratón

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es