Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 03/10/2022 17:21:59

Eva Ortega e Diego Álvarez apúntanse a Marcha Costa da Morte, penúltima proba da Copa Galicia XCM

O líder elite Javi Busto fracturouse a clavícula nunha caída e na xeral supérao o gañador en Carballo

O bloque definitivo da Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM) activouse este domingo coa Marcha Costa da Morte, quinta e penúltima cita do certame autonómico. A XIX edición do desafío organizado polo Club Ciclista Monteneme reuniu a preto de 300 bikers que percorreron os montes de Carballo, Malpica e Coristanco. Dous ciclistas elites, Eva Ortega (Extol MTB) e Diego Álvarez (Team Oiense-Escuela Estévez), apuntáronse os triunfos absolutos. 

O XCM ten unha dose de supervivencia que nesta edición da Copa Galicia está resultando determinante. Diego Álvarez, gañador no mes de agosto en Carral, perdera en Guitiriz a camisola de líder debido a unha avaría mecánica. Da proba lucense saíu vestido de líder Javi Busto (Extol MTB) e a primeira defensa do maillot acabou no hospital para o lalinense. Foise ao chan e fracturouse a clavícula, o que lle obriga a dicir adeus as súas opcións de pugnar pola xeral do certame. Dende a Federación Ciclismo Galego desexámoslle unha pronta e boa recuperación. 

Co líder fóra de combate, Diego Álvarez atopou o camiño despexado para facerse coa vitoria e recuperar o liderado. O representante do Team Oiense impúxose con solvencia e o trazado de 70 quilómetros, con 1.901 metros de desnivel positivo acumulado, cubriuno en 3 horas 3 minutos e 23 segundos. O segundo clasificado e gañador sub23 Ignacio Casal (Os Esfola Arrós) presentouse na meta do Fórum Carballo 5 minutos e 32 segundos despois do elite da Escuela Estévez. A terceira posición absoluta acadouna o máster-50 Francisco López Cedrón (MTC), a 6:41 do vencedor.

A loita pola cuarta praza incluía o primeiro posto máster-40 e Toño Rivas (Ourense Termal) bateu nos metros finais a Jorge Abeal (3AG). Xunto a eles chegou o sub23 Diego Marnotes (Terras de Cea). O cadro de gañadores dos grupos de idade masculinos completárono Pablo Iglesias (Sanomedio) nos máster-30 e Pedro Luis Delgado (BTT Ultreia) nos máster-60. 

En canto á competición feminina, Eva Ortega estreou a súa conta de vitorias na Copa XCM 2022. Segunda en Carral e en Guitiriz, esta vez a biker do Extol MTB pisou o chanzo máis alto do podio. Dominou con claridade, cun rexistro de 3.41:59, avantaxando en 21:22 á corredora do conxunto anfitrión Mar Delgado. Despois das dúas elites rematou a máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras) e a cuarta posición ocupouna a máster-30 Silvia Blanco (Avelaíñas), dando inicio á quenda de entrada das líderes. A máster-40 Ana González Cuña (Mitto X-Sauce) finalizou quinta e a elite Desiree Fernández (Ribadumia), sexta.

Líderes antes de Viveiro

A falta dun maratón para a conclusión da Copa, a Viveiro Bike Xtreme do 16 de outubro, sete rankings xa están sentenciados matematicamente: Hugo Álvarez (Academia Postal-Maceda) será o gañador júnior, Diego Marnotes o sub23, Silvia Blanco e Pablo Iglesias os máster-30, Toño Rivas o máster-40, Francisco López Cedrón o máster-50 e Pedro Luis Delgado o máster-60. No resto de categorías lideran Desiree Fernández nas elites, Diego Álvarez nos elites e Ana González Cuña nas máster-40.

Os trofeos da Marcha Costa da Morte e as camisolas do certame autonómico entregáronse nunha cerimonia de podio na que participou Marcos Trigo, concelleiro de Deportes de Carballo, xunto aos máximos responsables do Monteneme e a Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. 

Clasificacións Costa da Morte

Páxina da Copa Galicia XCM

GALERÍA DE FOTOS

Eva Ortega e Diego Álvarez apúntanse a Marcha Costa da Morte, penúltima proba da Copa Galicia XCM
Eva Ortega e Diego Álvarez apúntanse a Marcha Costa da Morte, penúltima proba da Copa Galicia XCM

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es