A terceira proba en cinco días trasladou este sábado á Copa Galicia ao Val Miñor. Coa júnior Uxía Soto (Supermercados Froiz) e o elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) vencendo nas quendas raíñas, o II Ciclocross Concello de Nigrán Zona Franca de Vigo-Porto do Molle exerceu de undécima e antepenúltima xornada do certame autonómico. María Jesús Barros (Team Oiense), nova líder elite, foi a outra gran triunfadora no evento organizado polo Club Ciclista Coruxo.
A semana grande da Copa, tras a cita do martes en Boiro e a do xoves en Outeiro de Rei, rematará este domingo en Ponteareas, onde correrá na casa a corredora que se reencontrou coa vitoria no circuíto de Porto do Molle. Gañadora no mes de outubro no Val de Esmelle, Uxía Soto encabezou a tripla asinada polo Supermercados Froiz na clasificación Elite-Sub23-Júnior en Nigrán. A xuvenil ponteareá avantaxou en 1 minuto e 11 segundos á sub23 Laura Mira, que cruzou a liña de meta lixeiramente por diante da júnior Aroa Otero.
A continuación das tres representantes da formación alimentacia, María Jesús Barros e Eva Ortega xogáronse o primeiro posto elite e tamén o liderado na clasificación xeral. A corredora do Team Oiense superou á do Extol MTB e por primeira vez nesta edición da Copa sitúase no máis alto do ranking. As dúas están igualadas a 1280 puntos.
Déjà vu Elite-Sub23
A carreira estrela do programa masculino resolveuse de xeito idéntico ao acontecido 48 horas antes en Outeiro de Rei. O elite Saúl López volveu impoñerse por uns segundos de marxe, esta vez 23, respecto ao líder sub23 Ricardo Buba (Gsport) e na terceira praza repetiu o tamén sub23 Anxo Carril (Coruxo), que no trazado deseñado polo seu club finalizou a 53" do gañador absoluto. Deste xeito, o monfortino do Academia Postal-Maceda anotouse a súa terceira vitoria desta campaña.
O líder elite Samuel González (Máis Que Bicis) non puido reeditar o triunfo do ano pasado en Porto do Molle e concluíu cuarto. O top-5 completouno o portugués Roberto Ferreira (Guilhabreu BTT). Nesta mesma quenda, o líder júnior André Martínez (Avanza-O Porriño) dominou entre os xuvenís por oitava xornada consecutiva e na entrega de premios estivo escoltado por Danny Buba (Coruxo) e Xano Gil (Ponteareas), segundo e terceiro respectivamente.
A auga e o barro non faltaron no circuíto nigranés, un escenario no que Lorena Patiño (XSM) e Raúl Puelles (Caimanes Betanzos) ergueron os brazos nas probas cadetes, mentres que nos grupos de idade Máster fixérono Ana Nieto (Compostelano) e Miguel Porto (Ponteareas) en máster-30, Marina González (Illas Cíes) e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en máster-40, José Manuel Gómez (Xesteiras) nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.
A falta de dúas probas para a conclusión da Copa, a xeral elite feminina é a única que rexistra un cambio de líder. No resto de categorías as camisolas do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) continúan pertencendo a Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes, a Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) e André Martínez en juniors, a Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en sub23, a Samuel González nos elites, a Ana Nieto e Miguel Porto en máster-30, a Paula Blanco (Monte Xalo) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-40, a Isabel Castro (Condado Bike) e Antonio Ferreira en máster-50, e a Tucho González (Salvaterra de Miño) nos máster-60.
Da entrega de premios e maillots en Porto do Molle encargáronse Juan González, alcalde de Nigrán; José Luis Sanromán, concelleiro de Deportes; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Pablo González, director de comunicación de Termavi-Grupo Davila; José Vila, presidente do Club Ciclista Coruxo; así como o presidente David Carrilo e o tesoureiro Óscar Sánchez da Xunta Xestora da FCG.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es