Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 12/12/2022 11:29:58

Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia

O II Ciclocross Borja Gómez Méndez, penúltima xornada do certame autonómico, pechou un bloque de catro probas en seis días

Comezou o martes en Boiro, continuou o xoves en Outeiro de Rei, chegou o sábado a Nigrán e finalizou o domingo en Ponteareas. A semana grande da Copa Galicia, con catro probas nunha marxe de seis días, baixou o pano coa sub23 Laura Mira (Supermercados Froiz) e o elite Samuel González (Máis Que Bicis) decantando ao seu favor os mans a mans que decidiron as vitorias nas carreiras raíñas do II Ciclocrós Borja Gómez Méndez. A penúltima xornada do certame autonómico non provocou ningún cambio de líder. 

Unha das clasificacións xerais que está vista para sentenza é a elite masculina e o portador da camisola da Copa colleitou no circuíto das Cachadas o seu quinto triunfo desta campaña. No revirado e entretido do Club Ciclista Ponteareas, o vigués Samuel González mantivo ata a última volta un vibrante duelo co sub23 Anxo Carril (Coruxo). A diferenza na liña de meta foi de 12 segundos a prol do corredor do Máis Que Bicis. Ricardo Buba (Gsport) tamén estivo metido na pelexa durante a maior parte da proba e o líder sub23 rematou a 36".

Nun segundo grupo o Avanza-O Porriño contou con tres representantes, apuntándose a cuarta praza por medio do sub23 David Fernández e a sexta e a oitava co elite Luís Fernández e o sub23 Gabriel Conde. Intercalados entre eles terminaron dous portugueses, o elite Roberto Ferreira e o sub23 Carlos Viana, quinto e sétimo respectivamente. Ademais, a estrutura porriñesa celebrou a vitoria nos juniors de André Martínez, gañador das últimas nove xornadas da Copa Galicia. 

Borja Gómez Méndez, o padriño desta cita, formou parte do pelotón Elite-Sub23 como de costume, pero nesta intensa xornada na que exerceu de anfitrión tamén rodou na carreira inclusiva. O Club Ciclista Ponteareas é o gran impulsor desta iniciativa á que cada vez se suman máis eventos e nesta ocasión conseguiu unha recadación benéfica de 280 euros destinada á asociación DEBRA Piel de Mariposa. 

 Tripla do Supermercados Froiz

A quenda raíña feminina tiña un dobre punto de atención. Por unha banda, a pugna entre as ciclocrosistas pola primeira posición absoluta, un duelo entre compañeiras de equipo no que a sub23 porriñesa Laura Mira superou por 15" á junior ponteareá Uxía Soto, gañadora na véspera en Porto do Molle. A terceira posición correspondeu á xuvenil Aroa Otero e cuarta concluíu a sub23 Sofía Álvarez (Cambre)

Por outra banda, María Jesús Barros e (Team Oiense) e Eva Ortega (Extol) chegaban igualadas a puntos no máis alto do ranking elite. Lucindo o maillot de líder que acadara o día anterior, a porriñesa clasificouse quinta e primeira elite, un resultado que rendibilizou aínda máis porque entre ela e a súa rival directa na xeral meteuse Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) como segunda elite da xornada. A outra compoñente do top-8 foi a júnior Vania Gregores (Ponteareas), asinando un sexto posto absoluto na súa casa. 

O club organizador apuntouse dous triunfos, co cadete Xián Alvariño e co máster-30 Miguel Porto, ambos vestidos de líderes da Copa. No resto de categorías venceron a cadete Lorena Patiño (XSM), a máster-30 Ana Nieto (Compostelano), a máster-40 Marina Rodríguez (Illas Cíes), o máster-40 Andrés Calvete (Monte Xalo), o máster-50 Marcial Rodríguez (QueBici-Marcisport) e o máster-60 Tucho González (Salvaterra de Miño). Na entrega de premios participaron Cristina Fernández Dávila, alcaldesa de Ponteareas; Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes; Manuel Gregores, presidente do Club Ciclista Ponteareas, e outros membros da directiva da entidade organizadora; e Óscar Sánchez, tesoureiro da Xunta Xestora da Federación Ciclismo Galego. 

Líderes a falta dunha xornada

A expensas do que aconteza o 31 de decembro en Culleredo, na clausura da Copa Galicia, a nómina de líderes non presenta ningunha novedade e continúa composta por Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Xián Alvariño en cadetes, Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en sub23, María Jesús Barros e Samuel González en elites, Ana Nieto e Miguel Porto en máster-30, Paula Blanco (Monte Xalo) e Andrés Calvete en máster-40, Isabel Castro (Condado Bike) e Antonio Ferreira en máster-50, e Tucho González nos máster-60.  

Clasificacións

Páxina da Copa Galicia

GALERÍA DE FOTOS

Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia
Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia
Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia
Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia
Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia
Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia
Laura Mira e Samuel González poñen o broche en Ponteareas á semana grande da Copa Galicia

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es