A Copa Galicia 3H Resistencia non ofrece tregua e no seu terceiro domingo consecutivo de competición tomou os montes de Boiro. O circuíto do Polígono de Espiñeira percorrérono 285 bikers, entre eles unha muller e un home que acumulan triunfos no calendario desta especialidade. A elite Eva Ortega (Extol), vixente campioa autonómica, e o máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras), gañador o ano pasado neste mesmo escenario, dominaron en terras barbanzás.
A Boiro 3 Horas BTT Non Stop xa formou parte da primeira edición da Copa Galicia 3H Resistencia e xusto un ano despois repetiu experiencia. O frío e o sol volveron acompañar ao evento organizado polo Club Ciclista RSBike Boiro. Contar co aval da temporada anterior serviulle para bater con claridade a cifra de participantes do 2022 e, de paso, situarse como a máis concorrida desta campaña.
O que para a maioría foi revivir un desafío, para Eva Ortega tratouse dunha estrea. A corredora do Extol non disputou o ano pasado esta proba e no seu debut en Boiro fixo valer a súa condición de favorita. Vencedora no 2022 da Copa e do Campionato, abriu o seu calendario de Resistencia deste curso impoñéndose por case 2 minutos de diferenza sobre a júnior Marta Estévez (XSM). Ambas deron sete voltas ao circuíto, unha máis que a líder elite Desiree Fernández (Ribadumia). As vitorias máster corresponderon a Sofía da Silva (Extol) nas 30, a Rebeca Nieto (Vara e Pedal) nas 40 e a María del Carmen Armada (Farto) nas 50.
A competición masculina si que respondeu ao mesmo guión que hai un ano e o Xesteiras volveuse exhibir capitaneado por Manuel Ángel Parada. Para revalidar o seu éxito, o máster-30 de Aguiño completou once xiros ao trazado de Espiñeira, batendo por 1'49" ao seu compañeiro de equipo e tamén máster-30 Daniel García. A tripla da formación de Cuntis selouna o máster-40 Iván Pereira. O chanzo máis alto do podio ocupárono no resto de categorías o júnior Francisco Agrafojo (Cambre), o sub23 Ignacio Casal (Extol), o elite Cristóbal Dios (Estradense), o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) e o máster-60 José Manuel González (Academia Postal-Maceda).
As clasificacións xerais individuais da Copa Galicia non rexistraron ningún cambio de líder logo dos puntos repartidos na súa terceira xornada. Os rankings continúan encabezados por Sofía Ferreiro (Esmelle) e Danny Buba (Coruxo) en juniors, Ignacio Casal nos sub23, Desiree Fernández e Cristobal Dios en elites, Sofía da Silva e Manuel Ángel Parada en máster-30, Rebeca Nieto e Iván Pereira en máster-40, José Manuel Gómez Bestilleiro nos máster-50 e Jose Cartelle (Pulpeiros Mugardos) nos máster-60. A única novidade é a aparición de María del Carmen Armada á fronte da táboa máster-50 feminina.
Parellas
Tampouco varían os líderes das xerais de parellas, pero en Boiro triunfaron dous dúos que aínda non abriran neste exercicio a súa conta de vitorias. Jorge Aguín (Moto Bike) e Ringo Deza (Corbelo) apuntáronse o primeiro posto na competición masculina cun rexistro de dez voltas, superando nunha a David Seage e Rubén Castro (Speedcross) e tamén aos líderes Antonio Mato e Jesús Martínez (Toxo), segundos e terceiros respectivamente. En canto á proba mixta, Rebeca Fontela e Óscar González (Máis Que Bicis) venceron con oito xiros ao circuíto e 21" de vantaxe sobre Iria Nieto e Ángel Vilanova (Compostelano). Jana Buba e Martín Buba (Coruxo) fixeron terceiros e conservan o liderado.
Ao marxe da Copa Galicia, na categoría cadete masculina impuxéronse Xoel Cidrás e Santiago Otero (XSM) e na cadete mixta, Sara Peón e Darío Buceta (Farto).
A entrega de premios contou coa presenza de Dores Torrado, concelleira de Deportes de Boiro; de Ramón García e Alicia Blanco, presidente e tesoureira do RSBike; e de Juan Carlos Muñiz e David Carrillo, presidente e secretario da Federación Ciclismo Galego. O vindeiro domingo a cuarta cita da Copa Galicia 3H Resistencia celebrarase en Camariñas.
Toda a información sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaRST23 e na súa sección dentro desta páxina web.
Clasificacións Boiro 3 Horas BTT Non Stop
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es