Tal e como acontecera o ano pasado na súa primeira edición, a Copa Galicia 3h Resistencia coroou aos seus gañadores finais este domingo en Muros. A última cita dunha competición que esta temporada medrou en número de xornadas respecto ao 2022, pasando de catro a cinco, tivo como grandes triunfadores individuais a dous máster-30, a Sofía da Silva (Extol) e a David Fernández (Narón). Ambos formaron parte da nómina de líderes, dun total de dezaseis rankings, coa que se pechou o primeiro certame desta campaña coordinado pola Federación Ciclismo Galego.
Con preto de 200 participantes, a 3 Horas Resistencia BTT Concello de Muros apostou por cambios no circuíto da parroquia de Louro. O trazado deseñado polo Club Ciclista Muros mesturou costas, baixadas e algunha zona de barro. Un percorrido esixente, con poucas zonas de descanso, e moi divertido. A diferenza do ano pasado acompañou o tempo e o broche de ouro da Copa Galicia resultou do máis agradable.
Só tres corredores conseguiron completar dez voltas. O duelo por ser o mellor da xornada estivo reservado aos máster-30, coa motivación extra de que a clasificación xeral da súa categoría dependía deste resultado. David Fernández, vencedor en Narón e o domingo anterior en Camariñas, conseguiu o seu terceiro éxito parcial e nesta ocasión tivo valor dobre. O representante do Narón necesitaba quedar por diante de Manuel Ángel Parada (Xesteiras) para arrebatarlle o liderado e conseguiu o seu obxectivo no último xiro ao circuíto tendo como rivais a dous corredores do mesmo equipo. O de Aguiño rematou terceiro e o seu compañeiro Daniel García, segundo.
Cunha volta menos que os tres principais protagonistas da carreira, Rubén Quintáns (Fundefrenos) impúxose nos elites, Roberto Freire (Toxo) nos sub23, Jorge Abeal (3AG) nos máster-40 e José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) nos máster-50. Ademais, Danny Buba (Coruxo) dominou nos juniors e Jose Cartelle (Pulpeiros) fíxose co triunfo nos máster-60.
Entre as mulleres, por primeira vez Sofía da Silva asinou o mellor rexistro. Practicamente á par, separadas por 5 segundos, a líder máster-30 e a portadora da camisola da xeral elite Desiree Fernández (Ribadumia) foron as únicas que deron sete voltas. A júnior Sofía Ferreiro (Esmelle), a sub23 Zaira Vila (Coruxo) e máster-40 María Rivera (Down Hill) leváronse os triunfos nas outras categorías.
Parellas
Tampouco faltou a emoción na competición por remudas de dúos masculinos. David Seage e Rubén Castiñeiras (Speedcross) estrearon a súa conta de vitorias desta temporada por 17" de vantaxe respecto a Fabián Rodríguez e Samuel Varela (Cambre). As mesmas voltas realizaron os líderes Antonio Mato e Jesús Martínez, que deste xeito certificaron o título.
En canto á categoría mixta, Lara Lois (RG Bikes) e Anxo Carril (Coruxo) non deron opcións ao resto no seu debut. A 9'30" finalizaron María Filgueiras e Zoe del Río (XSM) e a terceira posición ocupárona con oito xiros ao circuíto, un menos que os dous primeiros dúos, Marta Estévez (XSM) e Jose Patiño (Pinarium).
Outra novidade foi a presenza dunha parella feminina, a formada por Sheila Sánchez e Verónica González (Caimanes Betanzos). Ao marxe da Copa Galicia, na categoría cadete mixta terminaron primeiros Lorena Patiño (XSM) e Adrián García (Compostelano), e na cadete masculina subiron ao chanzo máis alto do caixón Santiago Otero e Xoel Cidrás (XSM).
Líderes finais
Despois de cinco eventos celebrados nunha marxe dun mes, a Copa Galicia 3h Resistencia despediuse en Muros tras ter visitado anteriormente Narón, Noia, Boiro e Camariñas. As dezaseis clasificacións xerais por categorías resolvéronse cun cadro de líderes finais composto por Sofía Ferreiro e Danny Buba en juniors, Zaira Vila e Ignacio Casal (Extol) en sub23, Desiree Fernández e Cristóbal Dios (Estradense) en elites, Sofía da Silva e David Fernández en máster-30, Rebeca Nieto (Vara e Pedal) e Iván Pereira (Xesteiras) en máster-40, María del Carmen Armada (Farto) e José Manuel Gómez Bestilleiro en máster-50, Jose Cartelle nos máster-60, Jana Buba e Martín Buba (Coruxo) nas parellas mixtas, Antonio Mato e Jesús Martínez nas parellas masculinas e Sheila Sánchez e Verónica González nas parellas femininas.
Inés Monteagudo, alcaldesa de Muros, asistiu a unha cerimonia de clausura na que tamén entregaron premios Juan Martínez, concelleiro de Deportes; Jose Romero, presidente do Club Ciclista Muros; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e David Carrillo, secretario da FCG. O calendario autonómico de 3h Resistencia concluirá o vindeiro domingo coa disputa do Campionato de Galicia en Lousame.
Toda a información sobre a Copa Galicia 3h Resistencia podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaRST23 e na súa sección dentro desta páxina web.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es