Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 15/02/2023 11:23:14

O calendario autonómico de Descenso ofrece eventos durante sete meses consecutivos

A Copa Galicia medra respecto ao ano pasado e consta de cinco probas

Dende abril ata outubro vanse xerar treboadas de adrenalina como mínimo unha vez o mes na nosa comunidade. O Descenso autonómico ofrece este ano nove eventos, dous deles urbanos, distribuídos no calendario sen grandes pausas. O incremento das probas da Copa Galicia e a entrada do Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park na Copa de España son as grandes novidades. 

O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego consta dunha cita máis que no 2022, pasando de catro a cinco, e será o encargado de abrir a temporada. As dúas primeiras xornadas celebraranse na primavera. O 23 de abril o Club Ciclista Compostelano retomará o Descenso Cidade de Santiago, que alcanza a súa décima edición, e o 14 de maio o Bicicletas Chinquena Racing Team estrea en Verín o DH Cabreiroá. Tras unha paréntese de catro meses, a competición regresará o 10 de setembro co DH Vilaboa 2023 do Club Deportivo Kamikazes e a fin de semana seguinte, o día 16, Pontevedra sumarase ao calendario da Copa Galicia DHI co bautizo do DH A Fracha, organizado polo Moto Bike. Os últimos puntos desta campaña poranse en xogo o 22 de outubro no VII DH Kamikazes en Marín. 

Nestes cinco eventos poderán participar riders dende o grupo de idade Infantil ata o Máster-60. As inscricións fíxanse en 10 euros para infantís e cadetes, 15 para juniors e 30 para o resto das categorías. 

Entre os dous bloques nos que se divide a temporada da Copa Galicia disputaranse os outros catro descensos federados. O DH Molinos, no concello lucense do Páramo e co selo do DH Galicia, exercerá o 11 de xuño de Campionato de Galicia. A proba que o ano pasado repartiu as coroas autonómicas, o Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park, dá un paso máis e na súa quinta edición debuta na Copa de España. Os mellores especialistas estatais reuniranse o 23 de xullo na cita impulsada pola Federación Ciclismo Galego na estación de montaña ourensá.

En pleno verán tamén chegarán, un ano máis, os dous descensos urbanos do noso BTT. O 30 de xuño terá lugar o X DHU Villa de Sarria no espectacular percorrido que prepara o DH Galicia e o 12 de agosto O Marisquiño en Vigo, baixo a organización de Ulises Proyects Eventos Especiales, no marco dun dos principais festivais de deporte urbano do mundo. 

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es