Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 03/04/2023 12:34:17

Sergio Romeo lévase ante Sergio Calvo a Challenge Volta O Barbanza - A Orixe

Pablo Lospitao, primeiro líder da Copa Galicia do Porvir

A xeral da II Challenge Volta O Barbanza - A Orixe decidiuse este domingo nun man a man na recta de meta da última xornada. O vallisoletano Sergio Romeo (MMR-Academy) bateu ao ourensán Sergio Calvo (Vigo-Rías Baixas) e a súa vitoria en Ribeira outorgoulle a camisola amarela da proba para corredores juniors que percorreu as estradas dos catro concellos da Mancomunidade Barbanza Arousa. O outro gran triunfador da fin de semana foi o estremeño Pablo Lospitao (Electromecánica-GR100), gañador o sábado en Rianxo e primeiro líder da Copa Galicia do Porvir.

O díptico organizado polo Club Ciclista Barbanza, evento 1.14.5 no calendario da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), reuniu a moitas das principais promesas do pelotón xuvenil estatal. O itinerario de 88,9 quilómetros do sábado, con inicio e final na Praza Castelao de Rianxo, resolveuse cun esprint entre un quinteto despois de ter transitado por Boiro e ascender os altos do Bexo e da Cruz de Abelán.

Pablo Lospitao foi o máis rápido por diante do vasco Markel Beloki (MMR-Academy) e do catalán Gerard Cano (Eolo Kometa), segundo e terceiro respectivamente. A vitoria do estremeño do Electromecánica-GR100 tamén lle serviu para recibir na cerimonia de podio, á que asistiu o alcalde anfitrión Adolfo Muíños, o maillot azul e branco da Copa Galicia do Porvir como primeiro líder do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). O británico Cormac Nisbet (Zappi), cuarto, e o húngaro Balint Felhoffer (Eolo Kometa) completaron o grupo de cabeza. 

A sexta posición en Rianxo, sendo o mellor galego, correspondeu a Sergio Calvo, a 28" do gañador, e a sétima a Sergio Romeo, a 58". Eses dous postos houbo que telos moi en conta o domingo cando ningún outro corredor puido seguir ao do Vigo-Rías Baixas e ao do MMR-Academy na carreira que comezou e concluíu en Ribeira, xornada que xa non era puntuable para a Coa Galicia. O percorrido de 89,6 km tamén atravesaba o concello da Pobra do Caramiñal e incluía un dobre paso polo Alto de Moldes, que se coroaba por segunda vez a 15 km da meta. 

A xeral da Volta O Barbanza - A Orixe confecciónase por puntos e, polo tanto, o cara a cara entre o da Rúa e o de Valladolid na Avenida do Malecón tiña premio dobre. Romeo venceu, anotándose o triunfo parcial e a challenge. Calvo repetiu por segundo ano consecutivo como mellor galego desta cita. O trío que os perseguía entrou a 17" encabezado polo madrileño Rafael Martínez, compañeiro de equipo do vencedor. Nun segundo grupo, a case 4' dos dous primeiros, terminou Gerard Cano, terceiro na xeral. 

A entrega de trofeos final tamén coroou ao carballés Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) como o mellor júnior de primeiro ano. Neste acto de clausura estiveron presentes José Ramón Romero, presidente da Mancomunidade e alcalde de Boiro; Fátima Cachafeiro, secretaria da Mancomunidade; María José Sampedro, concelleira de Cultura de Ribeira; Ricardo Riveiro, presidente do C.C. Barbanza; Santiago Cajaraville, directivo do club organizador; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e Jacobo Ucha, técnico da FCG. 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Sergio Romeo lévase ante Sergio Calvo a Challenge Volta O Barbanza - A Orixe
Sergio Romeo lévase ante Sergio Calvo a Challenge Volta O Barbanza - A Orixe

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es